Rueda reitera o interese da Xunta por construír a mazá xudicial da Parda
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou este xoves en Pontevedra o interese da Xunta por construír a mazá xudicial da Parda.
Rueda recordou que nos Orzamentos para 2014 se consignaron 2,5 millóns de euros "o que previamos que custaría a obra que se pode executar no ano 2014 se temos a cesión dos terreos, contando o prazo de licitación".
O vicepresidente recordou que na súa Consellería xa contan co proxecto arquitectónico feito polo equipo técnico (Iceacsa-Jon Montero-Naiara Montero) que construirá o novo xulgado da Parda.
A futura mazá xudicial de Pontevedra está pendente "de que se produza a cesión que se ten que producir para poder inscribir a parcela no Rexistro" e que pase a propiedade da Administración Autonómica.
"Nese aspecto ningún problema, volve a estar no Presuposto", sinalou o vicepresidente e engadiu "sempre que teño a oportunidade o fago, e agora aproveito para agradecer a colaboración do Concello de Pontevedra que entendeu que era necesario poñer a disposición da Xunta a parcela e fixo o procedemento, pero non se ten rematado".
Rueda insistiu no seu interese por proceder á licitación do segundo edificio xudicial da Parda, "para que estea en servizo non máis alá do ano 2016".
Tratarase dun inmoble de oito alturas, levantadas en torno a un gran patio central e que estará comunicado co actual edificio dos xulgados mediante unha pasarela elevada. A súa principal característica será a fachada, construída en chapa perforada de aceiro, de tons avermellados.
Relacionadas:
-
Os socialistas preguntan no Parlamento se o novo edificio xudicial da Parda estará en 2016
Por Redacción |
-
O fiscal xeral do Estado marcha de Pontevedra cunha "excelente impresión" sobre a Fiscalía
Por Oskar Viéitez |
-
Rueda: "Non é certo que os terreos para o edificio xudicial estean a disposición da Xunta"
Por Natalia Puga |
-
O PP critica os seis meses de "mentiras e falsidades" do Concello sobre o novo edificio xudicial
Por Redacción |