Sanxenxo solicita á Xunta ser incluido na área de transporte metropolitano de Pontevedra
Por Redacción
Sanxenxo quere integrarse na área de transporte metropolitano de Pontevedra. Así llo solicitaron á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, tralo anuncio por parte de Alberto Núñez Feijóo da próxima posta en marcha deste plan. Unha incorporación cualificada polo goberno municipal como de "vital importancia" para o seu desenvolvemento futuro.
A alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González, remitiu dita solicitude ao director xeral de Mobilidade, Miguel Rodríguez, recordando que "a pesares de non ser un municipio limítrofe con Pontevedra, Sanxenxo posúe unhas características moi concretas ao tratarse do lugar turístico por excelencia da provincia no que a poboación pode chegar ás 100.000 persoas en determinadas épocas do ano".
Catalina González entende que esta idiosincrasia xustifica sobradamente a necesidade de "traer ata aquí unha rede de transporte alternativa adxacente a que se levará a cabo en Pontevedra, facilitando así a todos os visitantes que chegan á capital o desprazamento ata o noso concello".
O Concello de Sanxenxo recorda que xa en marzo de 2010, confirmouse que o municipio sumaríase a este proxecto estratéxico, malia non ser incluído nun primeiro momento ao non lindar con Pontevedra.
"Agora que a Xunta de Galicia reactivará este proxecto, xa implantado noutras comarcas galegas, queremos lembrar que Sanxenxo debe estar aí e poñernos á disposición dá Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para achegarlle toda a información que poda precisar ao respecto", apuntou a alcaldesa.