A Solemne Novena de Marín contará coa visita dun bispo de Galicia cada día
Por Redacción
A Cofradía do Nazareno presentou este venres a Solemne Novena, que se celebrará desde o xoves 24 de febreiro ata o venres 4 de marzo e que coincide co 70 aniversario da cofradía. Ademais, anunciaron que por primeira vez haberá pregón de Semana Santa en Marín. Será o 9 de abril e estará presidido polo Cardeal Carlos Amigo.
No acto participaron o presidente da Cofradía del Nazareno, Celestino Esperón; o párroco David Mohedano; a alcaldesa de Marín, María Ramallo e o concelleiro Manuel Santos.
"Queremos que este sexa un faro para as persoas que están a pasalo mal", explicou o párroco, por iso cada día haberá unha visita dun bispo de Galicia que centrará as intervencións na mirada de Cristo sobre "personaxes bíblicas que representan situacións actuais".
O xoves 24 de febreiro a novena será a cargo de Alfonso Carrasco Rouco, bispo de Lugo, sobre a mirada de cristo a Zaqueo. O venres, 25 será o bispo Alfonso García Cadiñanos, de Mondoñedo-Ferrol, que falará sobre a Creación. O sábado 26 será o bispo Leonardo Lemos Montanet, de Ourense e, o domingo 27, o arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio.
Xa a seguinte semana, o luns 28, será a quenda do bispo de Tui-Vigo Luis Quinteiro. O martes, 1 de marzo, o bispo auxiliar de Santiago, Francisco J. Prieto Fernández, e o mércores 2, será o bispo de Astorga, Jesús Fernández González quen oficie a novena. Finalmente, o 3 de marzo acudirá o bispo emérito de Tánger, Santiago Agrelo Martínez, e o venres 4, Día do Nazareno, virá o cardeal arcebispo de Valladolid, Ricardo Blázquez Pérez.
Con motivo do aniversario, a Cofradía fixo unha réplica do Nazareno tal e como está exposto na Igrexa. "É un detalle que queremos regalarlle a todos os bispos e ao cardeal que nos van visitar, así como ás institucións e empresas que colaboran de forma desinteresada con nós".
Por último, a alcaldesa quixo felicitar á cofradía "por todo o traballo que levan facendo desde hai 70 anos ininterrompidos, un traballo que ten un impacto importante na nosa vila e na xente".