Pontevedra licitará "en cuestión de días" o novo contrato de xestión do lixo
Por Alejandro Espiño
En plena conta atrás está o proceso de licitación do novo contrato de xestión dos residuos urbanos e da limpeza viaria de Pontevedra. O goberno municipal agarda iniciar a contratación "en cuestión de días", segundo a súa portavoz, Anabel Gulías.
Todo o proceso administrativo que está a supoñer esta licitación, destacou a edil, "é todo un reto" e supón un "desafío ambiental" para toda a cidade, ao ser o contrato de maior contía que se vai a sacar a concurso ao longo do actual mandato.
Nas últimas semanas, os técnicos municipais estiveron a ultimar as ferramentas que permitirán licitar o contrato, entre elas, a estrutura de custes do novo servizo.
Trátase dun documento que fixa a fórmula que servirá para a actualización do custe do contrato durante os anos que estea vixente, un trámite obrigado pola lei vixente.
Para facer este documento, o Concello solicitou a participación de oito empresas do sector para que fixeran estimacións do custe do servizo atendendo a gastos fixos como o persoal, material, reparacións ou infraestrutura informática.
A este requirimento contestaron catro, Valoriza, Urbaser, FCC Medio Ambiente e Ferrovial.
Agora, unha vez que a xunta de contratación consultiva de Galicia emita o informe pertinente, o Concello poderá abrir o proceso de licitación dun contrato que custará máis dos 6 millóns anuais que a cidade paga por este servizo.
A pesar dese aumento, o Concello non subirá os recibos dos contribuíntes porque, segundo Anabel Gulias, "na nosa axenda non está que se lle repercuta á cidadanía".
NOVO ACCESO A MONTECELO
Pola súa banda, a Xunta de Goberno acordou iniciar o proceso de licitación da nova vía de acceso a Montecelo, unha obra que sairá a contratación por case 1,37 millóns de euros e que terá un prazo de execución de doce meses.
Mentres o Concello agarda recibir os terreos, que dependen das expropiacións que realiza a Xunta de Galicia cun custe de preto de 124.500 euros, inicia o proceso de contratación da nova estrada que prevé circunvalar o Hospital Montecelo, con inicio e fin na avenida Montecelo.
Será unha vía de calzada única, cun carril por sentido e beirarrúas a ambos os dous lados, coa velocidade limitada a 30 quilómetros por hora e pasos de peóns elevados. Terá catro rotondas unha ao final, outra ao comezo, e dous no traxecto intermedio.
Relacionadas:
-
O novo contrato da xestión do lixo contemplará o residuo como un recurso e buscará reducir a pegada do CO2
Por Redacción |
-
A licitación do novo contrato do lixo avanza e só está á espera dos últimos informes xurídicos
Por Manu Otero |
-
Pontevedra prorroga o contrato do lixo mentres ultima os pregos do novo
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra organiza unha xornada técnica para 'afinar' o novo contrato do lixo
Por Redacción |
-
Pontevedra rebaixou en case 1.500 toneladas o volume de residuos enviados a incinerar en Sogama durante 2020
Por Anxo Lourido |