"Quise hacer bien y me cuesta la vida", as palabras de Germán Adrio recollidas no seu diario ante os fusilamentos do 12 de novembro
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Nieves Gamallo Adrio, neta de Germán Adrio e filla de Nieves Adrio Sobrido, recuperaba recentemente un diario inédito do seu avó fusilado o 12 de novembro de 1936, tras ser xulgado por rebelión militar e sentenciado a matar.
Con motivo do acto de homenaxe que nesta data se realiza o monumento dedicado aos dez homes fusilados naquel día na Caeira, Nieves Gamallo lía emocionada fragmentos dese diario que o seu avó comezou a escribir o mesmo día en que o detiveron, ademais da carta dedicada á súa familia.
Relatou como o seu avó saíra elixido como concelleiro en Pontevedra durante a segunda República e era membro do Partido Socialista, ademais de mestre tras estudar matemáticas en Santiago. Nas súas notas, escritas en castelán, sinalaba que cría que para a maioría de apresados non había salvación, aínda que non cometeran delito algún. E afirmaba "quixen facer ben e cústame a vida".
Cando coñeceu que os dez foran condenados á morte afirmaba que el era xa un "morto vivente desde o 13 de setembro, data en que me notificaron o consello sumarísimo e a pena de morte", para a continuación afirmar que deixaba moitos escritos aos seus fillos e á súa esposa para que "poidan aproveitar para saber o que é a vida e o que se sofre nela. Nada máis".
A súa última carta para a familia era serena e contundente: "Querida esposa e queridos fillos: Tranquilo e sereno vou cara á morte; nada fixen para iso; por iso vou sen temor a Deus e sen cargo de conciencia; morro por tanto, sen remorso de facer mal nesta ocasión. Acollede a miña morte con toda a resignación posible, darvos conta de que emigrei para sempre. Non vos metades en gastos pola miña defunción; pois os tempos non están para iso. Bícavos e abraza por ultima vez a todos, o voso pai e esposo. Germán. Vou moi satisfeito do moito que traballastes polo meu."
Xunto a Germán Adrio Mañá, lembrouse tamén aos mestres Paulo Novás Souto e Benigno Rey Pavón; ao editor Ramiro Paz Carvajal; ao avogado José Adrio Barreiro; aos médicos Amancio Caamaño Cimadevila, Telmo Bernárdez Santomé e Luís Poza Pastrana; ao xornalista Víctor Casas Rey; e ao capitán Juan Rico González. Todos eles eran asasinados naquela data fatídica na Caeira.
O acto, ao que asistiron arredor dun cento de persoas, contou coa música do trío Lerze e as intervencións de Xaquín Moreda, concelleira de Memoria Histórica, e do alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que recoñeceu que "é entrañable ver que, aínda que fose tarde, algunhas das súas últimas palabras si chegaron a ser lidas polas súas familias. Unha carta e un diario que recollen pensamentos que por fin acharon un lugar onde quedar por sempre, o mellor destino posible: os corazóns dos seus seres queridos, do seu legado, dos seus descendentes". E quixo lembrar tamén a aquelas vítimas enterradas no anonimato e na vergoña. Tamén fixo mención a todas aquelas persoas que sufieron a violencia e a barbarie que lograron sobrevivir para continuar loitando contra a inxustiza. Concluíu sentenciando "a súa memoria brilla hoxe e brillará para sempre, e nunca o silencio volverá ser o protagonista da nosa historia".
Relacionadas:
-
'Dores', documental sobre campos de concentración en Galicia, proxéctase este venres no Teatro Principal
Por Redacción |
-
Dezaoito vidas truncadas polo franquismo ás que Galicia quere reparar
Por Alejandro Espiño |
-
"Parece que todo esta resolto e se pode pasar páxina, pero non é así"
Por Redacción |
-
A Gala da Memoria homenaxeará a través da música ás persoas asasinadas e represaliadas polo franquismo
Por Oskar Viéitez |
-
Música e palabra para combater o silencio e o esquecemento
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |