Dar visibilidade ás mulleres científicas ten premio
Por Manu Otero
O instituto que xa destacou por unha acción reivindicativa relacionada con que a roupa non ten xénero, volve ser unha referencia na loita pola igualdade entre homes e mulleres. Tres alumnas de bacharelato do IES Johan Carballeira de Bueu, Iria Estévez, Antía Novas e Alba Porto; acaban de conseguir o premio na modalidade ODS de Igualdade de Xénero, co proxecto "WScientifics, rompendo co efecto Matilda" que presentaron na feira Open Science Cambre
Trátase dunha traballo que iniciaron o curso pasado e que tiña como obxectivo comprobar se realmente as mulleres sofren discriminación no mundo da ciencia. Pero o que comezou como un traballo de clase, foi crecendo ata converterse nun completo repositorio sobre mulleres científicas e as súas investigacións.
O primeiro paso desta aventura, explican as tres alumnas, foi o de realizar unha serie de enquisas a través de Instagram coas que puideron concluír que os homes científicos eran moito máis coñecidos que as mulleres.
Con esa primeira premisa confirmada, decidiron dar un paso á fronte e encargarse elas mesmas de visibilizar o traballo destas mulleres. "O traballo fixémolo fóra de clase, no noso tempo libre", puntualizan para deixar claro que se implicaron de cheo nesta tarefa. A súa vocación científica xa a traían de serie, pero este proxecto de investigación acentuouna aínda máis. "Xa queriamos ser científicas, pero agora que as coñecemos fannos de guia e dános confianza de que se pode conseguir", comparten as tres, que teñen a Hedy Lamarr como principal referente.
O traballo consiste principalmente na confección dunha longuísima serie de infografías dedicadas a cada unha das mulleres científicas que ían descubrindo coa súa investigación. E para complementalo desenvolveron tamén litografías con impresora 3D que, en función da luz, permite descubrir o rostro dalgunhas destas científicas que compoñen a colección. Ademais, contan tamén cunha aplicación que permite animar fotografías destas protagonistas.
Foi ao darse conta da calidade das súas investigacións, cando estas tres estudantes animáronse a presentalo a diferentes concursos. O primeiro foi o XI Concurso Incubadora de sondaxes e experimentos organizado por Sgapeio, quedaron finalistas. E o premio gordo chegou esta semana no Open Science de Cambre, onde obtiveron o premio dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Unión Europea na categoría de Igualdade, nunha competición internacional na que participaron estudantes de máis de dez países.
E aínda por riba, redondean todo o seu traballo con contido adaptado a persoas con necesidades especiais, pois os seus materiais están traducidos ao braile e tamén ofrecen os seus contidos na lingua de signos.
Tampouco se conforman Iria, Antía e Alba con este recoñecemento. "Imos presentarnos a todos os concursos que podamos", aseguran. A súa próxima parada será o Congreso de didáctica da química que organiza o Colexio de Químicos de Galicia.
Ademais, o proxecto non deixa de crecer. A recompilación de nomes e a investigación sobre os seus experimentos non se detén e, para seguir enriquecendo o traballo e a súa vocación pola ciencia, as tres estudantes deron unha volta máis de porca ao seu proxecto e comezaron a contactar de forma directa coas investigadoras para coñecelas e preguntarlles sobre as dificultades que deben superar nas súas carreiras polo simple feito de ser muller. "Todas nos din que sufriron discriminación dalgunha maneira", lamentan co firme propósito de seguir traballando para darlle a volta a esta situación.
Relacionadas:
-
Cerponzóns celebrará o Día das Mulleres Rurais cun pase do espectáculo "Lavandeiras", de Vero Rilo
Por Redacción |
-
Bueu abre o prazo de presentación de traballos para os premios Johán Carballeira de poesía e xornalismo
Por Redacción |
-
A roupa non ten xénero e estas rapazas si moito que dicir: "Todo vén da mesma tea e do mesmo fío"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |