'Pisando forte' e a 'Escola Feminista da Mocidade' anuncian as súas actividades ata final de ano
Por Mónica Patxot & María José Pita
"Se che interesa, apúntate". Era a invitación do concelleiro de Xuventude de Pontevedra, Alberto Oubiña, para que todas as persoas interesadas nos cursos e obradoiros convocados no programa 'Xuventude en Rede' se animen a participar.
Malia que as actividades están dirixidas a unha franxa de idade de entre os 15 e os 35 anos (nalgún caso a partir de 12 anos), a experiencia do Concello de Pontevedra demostra a grande acollida deste programa e o interese de público de maior idade. Por iso, anima a toda a cidadanía a inscribirse, totalmente de balde, por se houbese posibilidade de recorrer á lista de agarda.
Este venres presentábanse as actividades que 'Xuventude en Rede' vai desenvolver para o que resta de ano en dous dos seus programas: 'Pisando forte' e a 'Escola Feminista da Mocidade' . Para o primeiro bloque de actividades hai dispoñibles 55 prazas e para a escola feminista 111. As inscricións están abertas e á hora de outorgar as prazas, priorizarase a idade e ser de Pontevedra. As persoas que non cumpran estes requisitos pasarán á lista de agarda.
As inscricións e información sobre estes programas pódese obter no enderezo web: xuventude.pontevedra.gal
PISANDO FORTE
'Pisando forte' é unha oferta formativa para a autonomía e desenvolvemento persoal pensada para xente moza. As formacións son de carácter totalmente flexible, dinámico, participativo e diverso. A Concellaría de Xuventude convoca tres actividades para este fin de 2021:
– Xornadas sobre aproveitamento de montes e especies (29 horas). Sesións teóricas en horario 17:00-20:00 no Pazo da Cultura o 26, 27 e 29 de outubro, 2, 3 e 5 de novembro e visitas ao Parque forestal de Cotorredondo, Poboado da Idade de Ferro da Comunidade de Montes de Salcedo e repoboación forestal do Monte da Tomba os días 29 (horario de mañá) e 30 de outubro e 6 de novembro (ambas en horario de tarde). Número de prazas: 25, a partir dos 15 anos.
– Curso de práctica política: coñece os teus dereitos (8 horas). Datas: venres 15 e sábado 16 de outubro en horario 16:00-20:00 (venres) e 10:00 a 14:00 (sábado) na Casa Azul (rúa Sor Lucía, 2). Número de prazas: 15, a partir dos 15 anos.
– Obradoiro teórico-creativo "Como convivir con boomers" (10 horas). Datas: sábados 25 setembro e 2 outubro en horario 09:30-14:30 na Casa Azul. Número de prazas: 15 para unha franxa de idade entre os 12 e 18 anos.
ESCOLA FEMINISTA DA MOCIDADE
A 'Escola Feminista da Mocidade' é un espazo activo de formación, encontro e reflexión colectiva con perspectiva feminista para a promoción da igualdade e a prevención das violencias machistas. Ata final de ano a Concellaría de Xuventude programa 6 actividades.
– Obradoiro "Corpoescritura: Storytelling" (6 horas). Data: sábado 9 de outubro en horario 11:00-14:00 e 16:00-19:00 na Casa Azul. Número de prazas: 15 (mixto, homes e mulleres) a partir dos 15 anos.
– Obradoiro "Fotopoesía para o empoderamento" (8 horas). Data: sábado 23 outubro en horario 10:00-14:00 e 16:00-20:00 na Casa Azul. Número de prazas: 15 (non mixto, só mulleres) a partir dos 15 anos.
– Obradoiro "Violada con amor" (9 horas). Data: sábado 20 de novembro en horario 10:00-15:00 e 16:00-20:00 na Casa Azul. Número de prazas: 20 (non mixto, só mulleres) a partir dos 18 anos.
– Obradoiro "Consumo do corpo: a sobreexplotación sexualizada do corpo nos medios" (9 horas). Datas: sábados 11 (horario 11:00-14:00 e 16:00-19:00) e 18 (horario 11:00-14:00) na Casa Azul. Número de prazas: 13 (mixto, homes e mulleres) a partir dos 15 anos.
– Obradoiro "Novas masculinidades e como combater o argumentario machista" (6 horas). Data: sábado 13 de novembro en horario 10:00-13:00 e 16:00-19:00 na Casa Azul. Número de prazas: 20 (non mixto, só homes) a partir dos 15 anos.
– Espazo de expresión "Círculo de mimos" (6 sesións de 2 horas). Datas: sábado 20 de setembro, 4 e 18 de outubro, 8 e 22 de novembro e 13 de decembro en horario 18:00-20:00 na Casa Azul. Número de prazas: 15 (mixto, homes e mulleres) a partir dos 17 anos.
Relacionadas:
-
Regresa a Escola Feminista para a Mocidade, con oito obradoiros de formación, encontro e reflexión colectiva
Por Redacción |
-
Chega Ponteverán, a oferta de lecer para a mocidade, que en 2021 se centra en arte, natureza e tecnoloxía
Por Natalia Puga |
-
Pontevedra lanza Xuventude en Rede, unha aposta web pola formación e o entretemento
Por Manu Otero |