A reforma integral de Blanco Porto estará rematada antes do próximo 15 de decembro
Por Alejandro Espiño
Antes do 15 de decembro estarán rematadas as obras de reforma integral da rúa Blanco Porto. Así o asegurou o concelleiro de Urbanismo, Antón Louro, que visitou a zona este xoves e recibiu confirmación da construtora sobre estes prazos. Trátase duns traballos que están a ser executados pola empresa Construcciones E.C. Casas e contan cun orzamento lixeiramente superior aos 200.000 euros.
Louro afirmou que a obra "comezou a todo ritmo", coa realización dunha cata para estudar a situación dos servizos soterrados. Os datos indican que o deterioro é especialmente importante na tubaxe de subministro de auga, cun diámetro totalmente insuficiente. Ademais confirman a necesidade da renovación total das redes de pluviais e saneamento.
O plan de obra divídese en tres fases co obxectivo de manter o maior tempo posible a circulación rodada e peonil. Na primeira, xa en marcha, estase a traballar sobre a beirarrúa esquerda. Unha vez que estea completamente renovada, os operarios pasarán á beirarrúa dereita. Finalmente, procederase ao fresado e asfaltado da calzada. Está previsto que a renovación de cada unha das beirarrúas teña unha duración dun mes. Durante este tempo só haberá cortes parciais de tráfico para cruzar tubaxes e para acometer o asfaltado final.
A velocidade na rúa xa está limitada a 20 quilómetros por hora e están colocados carteis de advertencia, tanto na propia calzada como na saída dos portais, da convivencia provisional de tráfico peonil e rodado. Despois das obras, as beirarrúas pasarán a ter un ancho de entre 2 e 3 metros, segundo os tramos. O aparcamento quedará limitado ao sentido dereito da circulación.
Por outra banda, está prevista unha mellora na iluminación pública, pois Blanco Porto foi unha das primeiras rúas en contar con farois con tecnoloxía led. Por este motivo detectáronse algunhas zonas escuras. As luminarias abandonarán agora as fachadas dos edificios e pasarán a estar sustentadas por báculos na propia vía pública. Ademais, pasarase dos sete puntos de luz actuais a oito e soterrarase todo o cableado.
Relacionadas:
-
As obras de Blanco Porto obrigan a curtar a rúa durante unha semana
Por Redacción |
-
José Adrio Barreiro, Manuel Leiras Pulpeiro e Blanco Porto pasarán por quirófano
Por Redacción |
-
As obras da rúa Blanco Porto coincidirán coas de Benito Corbal e suprimirán prazas de aparcadoiro
Por Redacción |
-
Louro tamén presume de modelo de cidade e anuncia sete novas actuacións de reforma urbana
Por Alejandro Espiño |