Abren 354 expedientes de limpeza e prevención de incendios en só 3 anos
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade abriu un total de 354 expedientes de execución de limpezas e talas dentro das medidas de prevención de incendios que se levan aplicando desde o ano 2019 ata a actualidade e que afectan a parcelas ubicadas en núcleos rurais (168) e tamén en chan rústico (185).
A inmensa maioría dos expedientes foron abertos por solicitude do interesado acadando a suma de 293 oficios realizados por este motivo mentras que tan só se efectuaron 61 providencias de Alcaldía entre o verán do ano 2019 e o 20 de agosto deste ano 2021.
Aínda así, non se tiveron que levar a cabo ningún tipo de execución de limpeza e talas a través do convenio asinado para este menester coa empresa pública Seaga xa que as escasas limpezas subsidiarias foron levadas a cabo polo propio Concello (unha no verán de 2019 e 6 este ano).
Cerdedo-Cotobade foi un dos pioneiros en Galicia en poñer en marcha medidas de loita e prevención contra os incendios forestais a través de programas asinados con diversas administracións e tamén levando a cabo medidas de concienciación cidadá. Así, tódolos anos emítese un bando por parte do alcalde, Jorge Cubela, no que se advirte á veciñanza das medidas de roza e limpeza que deben afrontar nas súa parcelas.
O rexedor insiste na necesidade de que cada veciño debe ser responsable e respectar a norma en materia de montes para evitar lumes.
Así, con estas campañas que leva a cabo o Concello preténdese que aumente a concienciación veciñal para que se cumpran as normas en materia de prevención de incendios e cada veciño se responsabilice de manter rozadas as súas fincas e o distanciamento dos eucaliptais con respecto das vivendas antes do 31 de maio de cada ano que é cando comeza a tempada crítica de risco de lumes.
Operarios municipais adscritos ao departamento de Medio Ambiente levan a cabo unha intensa campaña informativa a través da colocación de carteis explicativos das normas que deben cumprirse para evitar a proliferación de incendios.
Os carteis que se reparten informan en base á lei 7/2012 de montes de Galicia onde se recolle explícitamente a obrigatoriedade de eliminar eucaliptos, pinos, mimosas e acacias a 10 metros dende o límite do dominio público das vías (autoestradas, autovías, corredores, vías rápidas e estradas convencionais) ou do ferrocarril.
Tamén se recorda a obrigatoriedade de realizar unha xestión da maleza nas fincas a través da eliminación de xestas, toxos, silveiras e retirada do arborado das especies anteriormente citadas. Ademais, engádese que tamén se deben limpar os predios situados nunha franxa perimetral de 50 metros destes solos e os espazos situados ao redor de edificacións, vivendas illadas e urbanizacións emprazadas a menos de 400 metros de terreo de monte.
SANCIÓNS A QUEN INCUMPRA A NORMATIVA
O Concello de Cerdedo-Cotobade incide a través desa campaña informativa na necesidade de que a xente se conciencie de que a loita contra os incendios forestais é unha responsabilidade de todos.
Pese a isto, advírtese de que no caso de que se detecte algún incumprimento, sexa de oficio ou por algunha solicitude veciñal, procederase a efectuar unha comunicación específica ao propietario concedéndolle 15 días de prazo para a limpeza si se comproba que incumpre esta normativa.
Así, os propietarios que desatenda esta obriga poderán enfrontarse á incoación dun expediente sancionador que pode provocar a imposición de multas de entre 1.000 e 10.000 euros e, ademais, o Concello podería encargarse da execución subsidiaria e forzosa dos traballos de roza repercutindo posteriormente o custo ao propietario. No caso de parcelas con dono descoñecido, o Concello advirte de que poderá executarse unha expropiación forzosa sempre que o prezo, fixado polo valor catastral, sexa inferior ao da limpeza.
Ademais, lémbrase que, en caso de lume forestal, poderán repercutirse os gastos de extinción do mesmo ás persoas responsables de non atender á obriga de limpeza e xestión da biomasa forestal nas súas propiedades e polo incumprimento das distancias mínimas.