1.500 militares da Brilat empezan dúas semanas de adestramento en Zaragoza
Por Redacción
Un total de 1.500 militares da Brigada de Infantaría Lixeira (Brilat) participarán un exercicio de adestramento específico entre este luns 14 de outubro e o 29 de outubro no Centro Nacional de Adestramento (CENAD) de San Gregorio, en Zaragoza. O exercicio está destinado a preparase para asumir o mando da Forza Conxunta de Reacción Rápida (FCRR), constituída por unidades de alto grao de dispoñibilidade e adestramento, capaz de constituírse nun período breve de tempo para misións de continxencia.
Segundo indicou a Brigada, durante o ano 2013, a Brilat ten que xerar estruturas para ser atribuídas á Forza Conxunta de Reacción Rápida, que a partir do 1 de xaneiro de 2014 estarán a disposición do Xefe do Estado Maior da Defensa (JEMAD) para aquelas misións nacionais que se lles encomenden, xa sexa dentro ou fóra das fronteiras españolas.
Estas estruturas encóntranse na súa fase de preparación. Durante o primeiro semestre realizaron o seu adestramento orgánico de Pequena Unidade e no segundo tócalle o adestramento de Grande Unidade. Finalizados ambos os dous, a partir do 1 de xaneiro de 2014, estarán en disposición de despregar unha Brigada Lixeira de Alta Disponibidad (BRILAD), unha Agrupación Táctica (AGT) e un Grupo Táctico (GT) cun elevado grao de dispoñibilidade que varía entre os 20 e os 5 días dependendo da entidade da unidade a despregar.
En San Gregorio realizarán as actividades de adestramento necesarias que permitirán a avaliación e certificación, por parte do Xeneral Xefe de Forzas Lixeiras (GEFUL), tanto desas unidades atribuídas á FCRR coma das estruturas de Mando e Control destas.
Ademais dos 1.500 militares da Brilat, hai que engadir o persoal e os medios achegados por outras unidades do Exército de Terra: Forza Aeromóvil del Ejército de Tierra (FAMET), Mando de Artillaría de Campaña (MACA), Mando de Artillaría Antiaéreo (MAAA), Brigada Loxística (BRILOG), Xefatura de Tropas de Montaña (JTM), Comandancia Xeral de Baleares (COMGEBAL); así como a Compañía Monteiros de Espinosa da Garda Real e unha Compañía do Exército Británico do Royal Irish Regiment.