Tres denuncias interpostas pola Policía Local no concerto de Pol Granch por comer en espazo público
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A praza de España é o espazo que acollía este luns o concerto de Pol Granch. No recinto perimetrado por valos contémplase unha capacidade para 500 persoas sentadas e con distancias de seguridade. A situación complícase no exterior deste espazo. Alí, durante a noite deste luns, centos de persoas seguían o concerto do ídolo xuvenil.
A concelleira de Festas, Carme da Silva, recoñecía este martes que se reforzou o dispositivo de seguridade para este recital ante a expectativa que se rexistraba en días previos. Sinalou que se reforzou a presenza da Policía Local, de Protección Civil e do servizo de control de acceso da empresa privada que se encarga da zona de asentos.
Segundo manifestou, durante o evento a Policía Local comprobou na zona da contorna que o público mantiña en todo momento a máscara e que non fumaba, bebía ou comía. Recoñeceu que estes asistentes atopábanse pegados pero insistiu en que a normativa vixente permite esta situación sempre que leve máscara.
Indicou que nalgún caso, os axentes chamaron a atención dalgunha das persoas por non levar a máscara e, de inmediato, poñíanlla. En todo caso, a Policía Local presentou tres denuncias por comer nesas zonas. Segundo indicou Da Silva, estas persoas foron alertadas e, nunha segunda visita dos axentes da zona, comprobaron que continuaban comendo, polo que foron denunciadas.
A concelleira recoñeceu que se congregou moita xente neste concerto pero rexeitou que se tratase dunha aglomeración porque non se trataba de "un grupo descontrolado". Indicou que se trataba de público moi novo, que ía acompañado tamén de adultos que se atopaban na contorna da praza. "A xente era moi noviña e nunha porcentaxe que roza o 100% cumpriron coas peticións", asegurou.
Da Silva lembrou que, nos próximos eventos, se deben seguir as peticións das autoridades para garantir que se cumpren as medidas e que se se celebran as festas con seguridade.
PREOCUPACIÓN DE RAFA DOMÍNGUEZ
Pola súa banda, Rafa Domínguez, portavoz municipal do PP, afirmaba que lle preocupaban moitísimo as imaxes do concerto ao que asistiran principalmente persoas dunha franxa de idade entre os 15 e os 25 anos, franxa maioritariamente non vacinada.
Afirmaba que non se cumpriron as medidas de seguridade e pedía responsabilidade á concelleira de Festas. Lembrou que se trata da poboación de máis risco e que "o Concello sexa o catalizador destas situacións é preocupante". Manifestou que espera que este escenario non provoque un brote de contagios entre a poboación xuvenil.
Relacionadas:
-
Pontevedra descobre 'ópera folk' na cuarta xornada de concertos da Peregrina
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Recycled DJ desborda a asistencia de mozos ás pistas de Campolongo
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Pol Granch e o fenómeno fan, protagonistas na Praza de España na terceira noite de concertos da Peregrina
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Noite en vela para ser as primeiras no concerto de Pol Granch
Por Mónica Patxot & María José Pita |
-
Sen incidencias nas primeiras actividades das festas dunha Peregrina que "trouxo o verán"
Por Mónica Patxot & Cristina Saiz & Anxo Lourido |