A ocupación hostaleira rompe os prognósticos de xullo ao situarse nun 65 %, 17 puntos por encima do esperado
Por Manu Otero
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo públicos este venres os datos de ocupación dos establecementos hostaleiros da provincia no mes de xullo. A ocupación media alcanzou o 65 %, o que supón un "salto importantísimo con respecto a xullo do 2020, ao medrar 17 puntos", destacou a mandataria, convencida de que "cando remate a tempada turística, Rías Baixas estará moi ben posicionada en Galicia e no conxunto do Estado".
Os rexistros deste recentemente finalizado mes de xullo superaron con fartura os datos do mesmo período do ano anterior en todas as comarcas da provincia. En Vigo situáronse no 77 % (29 puntos de crecemento), no Morrazo, no 76 % (8,8 puntos máis); O Salnés, ao 74 %, (23,7 puntos máis); Pontevedra, ao 71 % (25,7 puntos máis); e Caldas, ao 50 %, (11,3 puntos máis). Por municipios é rechamante o crecemento de Sanxenxo, cun 77 % de ocupación, e de Pontevedra, cun 68 %.
En canto ao turismo rural, a ocupación media na provincia foi do 73,3 %, o que supón 8,8 puntos máis que en xullo do 2020. "Non medrou tanto, en comparación cos establecementos hoteleiros, porque as casas de turismo rural xa foron os aloxamentos que a cidadanía escolleu maioritariamente o pasado ano", argumentou Silva. As vivendas turísticas tamén creceron 20 puntos ata situarse no 88 % de ocupación.
En referencia ao perfil das persoas visitantes, o observatorio da Deputación certifica que a maioría proceden doutros territorios de España, principalmente de Madrid, Barcelona, Biscaia e Asturias. As chegadas doutros países só representan o 6 % do total e na súa maioría proceden de Francia, Portugal, Alemaña, Estados Unidos e Italia. A idade media dos turistas sitúase entre os 35 e 60 anos e a súa estancia media en Pontevedra é de entre 7 e 15 días.
Se o mes de xullo foi mellor do esperado, o de agosto traerá unha ocupación aínda maior. Con todo, desde a Deputación prefiren facer "estimacións con todas as cautelas", sobre todo pola nova onda da pandemia e o mal tempo que está a azoutar ás Rías Baixas neste primeiro mes de verán. O observatorio prevé unha ocupación nos hoteis da provincia superior ao 71 %.
Relacionadas:
-
Aumentan un 27%, respecto a 2020, as visitas á cidade durante as primeiras semanas de agosto
Por Redacción |
-
A Deputación e o Náutico de San Vicente lanzan o ciclo de concertos "Momentos Rías Baixas"
Por Manu Otero |
-
A análise Big Data da Deputación confirma a boa reputación das Rías Baixas como destino turístico
Por Redacción |
-
A Deputación difundirá Pontevedra como destino turístico ante empresas do sector en Madrid e Valencia
Por Redacción |