A Banda da Loba e a repartición de bandeiras centrarán os actos do Día da Matria Galega
Por María José Pita
Poio celebrará o venres 23 de xullo o Día da Matria Galega que, por mor da situación sanitaria, repite aforo limitado de cen persoas, como o ano pasado, e medidas de seguridade.
A concelleira delegada de Dinamización Lingüística e Memoria Histórica, Marga Caldas, facía un avance dos actos que se desenvolverán nesta xornada acompañada da concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, e o concelleiro de Festexos, Xosé Luís Martínez.
Ás 20:30 horas comezará a programación do día co acto institucional, no que participarán, ademais dunha representación do Concello de Poio, as integrantes da Banda da Loba, o grupo que tamén protagonizará a actuación musical do evento.
Ás 21:00 procederase á entrega de bandeiras para que a veciñanza poida engalanar con elas os seus balcóns. Estas enseñas teñen que ser reservadas previamente no enderezo electrónico alcaldia@concellopoio.gal ou no teléfono 986 770 001.
A partir das 21:20 terá lugar a actuación da Banda da Loba, "un grupo formado por mulleres, e as mesmas compoñentes da banda, Andrea e Uxía, van ser as que nos acompañen no acto institucional", apuntaba a concelleira Marga Caldas, á vez que insistía na aposta por "compositoras e mulleres emprendedoras" e, en xeral, a artistas galegos "para dar dinamismo á cultura e a un sector que leva moito tempo parado".
A edil aludía a esta celebración, que se encadra dentro das Festas do Verán, cun acento especial como é "reivindicar o Día de Galiza, o día da nosa lingua, o día dos nosos dereitos, que o facemos a través do Día da Matria".
O espazo no se desenvolverán os actos será os Xardíns de Rosalía de Castro, xunto ao Pazo de Ferreirós.
Relacionadas:
-
O BNG asume a organización do Día da Matria que antes auspiciaba o Concello de Poio
Por Redacción |
-
Noite de intensa actividade cultural en Poio, co Día da Matria Galega e o inicio do Festival Chalaniña
Por Redacción |
-
O mal tempo obriga a adiar o 'Día da Matria Galega' de Poio para o 28 de xullo
Por Redacción |
-
'Reinicia o verán' leva máis dun cento de actividades por todo o municipio de Poio ata finais de setembro
Por Redacción |
-
De Vacas actuará no Parque de Ferreirós na celebración do Día da Matria Galega
Por Redacción |