Juan Paulo Giménez condenado a seis anos e medio de prisión por entrar a tiros nunha festa
Por Oskar Viéitez
O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra condenou a Juan Paulo Giménez, do clan dos Morones, a seis anos e medio de prisión por entrar a tiros nunha pedida de man celebrada en maio de 2019 no municipio do Porriño ferindo a dúas persoas.
A sentenza impón a Juan Paulo Giménez dous anos e seis meses de prisión por cada un dos dous delitos de lesións con instrumento perigoso, coa agravante de reincidencia, e outro de tenza ilícita de armas.
A Sociedade Xitana Española deu a coñecer este fallo deixando constancia do "asombro" que lle causa o "cúmulo de irregularidades" que, aseguran, existen na instrución do procedemento contra Juan Paulo Giménez.
A maxistrada considera probado que Giménez acudiu, o 19 de maio de 2019, a unha festa de pedida de man que a familia rival de "Los Morones" polo control dos mercadillos en Galicia, "Los Zamoranos", estaban a celebrar nun centro multiusos do Porriño.
Tras entrar no recinto, onde estaba un centenar de persoas, iniciou un tiroteo e como consecuencia dos disparos dous proxectís rebotaron e impactaron nunha menor, á que o condenado deberá abonar 33.011 euros, e noutro invitado, que recibirá 33.958 euros.
A titular do xulgado pontevedrés asegura que, a pesar da "animadversión recíproca" provocada polo enfrontamento de ambos os clans, a versión dos asistentes á festa é "crible" debido á "inmediatez" das súas primeiras declaracións.
Todos eles coincidiron en identificar a Juan Paulo Giménez como o autor dos disparos "sen ningunha dúbida e xa desde o primeiro momento", sinala a xuíza, para a que resulta "verdadeiramente difícil" que as testemuñas se puxesen de acordo para declarar o mesmo "apenas unha hora despois do suceso".
Giménez, segundo consta na sentenza, "actuou con conciencia do risco que creaba" e, a pesar diso, "executou a súa acción", sendo ademais coñecedor dos perigos que comportan as armas, xa que afirmou ante o tribunal "que lle encantan e que as identifica a quilómetros".
O outro acusado, Rafael G.J., que segundo a Fiscalía acompañaba a Juan Paulo o día do tiroteo, foi absolto de todos os cargos, despois de que ningún das testemuñas acreditase velo co autor dos disparos.
A xuíza, ademais, ordenou na sentenza que se deduza testemuño contra tres persoas que declararon no xuízo pola posible comisión dun delito de falso testemuño.
Trátase de tres familiares de Juan Paulo Giménez, a súa esposa, un dos seus irmáns e un amigo da familia; que aseguraron "categoricamente" no xuízo, lembra a xuíza, que o acusado non estaba en Galicia senón en Sevilla o día do tiroteo.
Relacionadas:
-
Os xuízos máis rechamantes do ano: do 'narcosubmarino' ao tiroteo nunha festa ou o cura que abusaba de menores
Por Oskar Viéitez |
-
Juan Paulo Jiménez recorre unha condena apelando ao primeiro caso que perdeu España no Tribunal de Estrasburgo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Juan Paulo Giménez nega ser o autor dos disparos na pedida de man dos Zamoranos
Por Oskar Viéitez |
-
O primoxénito de "Los Morones", a xuízo por un tiroteo nunha pedida de voda de "Los Zamoranos"
Por Redacción |
-
A detención de Juan Paulo Giménez, da familia dos Moróns, tras 17 meses fuxido, desbloquea un xuízo en Pontevedra
Por Natalia Puga | Creada e actualizada