Aberta a feira de artesanía Chalana na praza da Ferrería
Por Cristina Saiz & María José Pita
O paseo de Antonio Odriozola, na contorna da praza da Ferrería, acolle desde este mércores 14 de xullo os postos da feira de artesanía Chalana.
"O Concello segue apoiando esta feira de artesanía, e este ano con máis convencemento aínda por dúas razóns fundamentais. O primeiro porque cremos que temos que seguir apoiando á artesanía galega, como fonte de riqueza para o noso país pero tamén como mostra do noso pasado e a nosa forma de evolucionar e de mellorar os produtos. En segundo lugar, tamén apoiar ás pequenas iniciativas de comercio e produto local", manifestaba a concelleira de Promoción da Cidade Anabel Gulías na súa visita aos diferentes postos de artesanía acompañada do concelleiro de Mobilidade Demetrio Gómez.
Anabel Gulías tamén facía un chamamento para que as persoas que se acheguen a mercar a esta feira valoren o carácter artesán dos produtos e a arte, coidado e horas de traballo que hai detrás. "Concienciarnos entre todas como consumidoras para adquirir este tipo de produtos ao prezo que están expostos porque estamos adquirindo pezas únicas", matizaba.
A feira conta con todas as medidas de seguridade e desde o Concello de Pontevedra agárdase que a evolución da pandemia non impida a chegada de visitantes. Xa na apertura dos postos podíase comprobar como a feira suscita interese, entre curiosos e primeiros compradores.
"Con ganas de que a xente apoie o consumo e merque artesanía galega pero tamén doutras partes, porque o bonito das feiras artesanais como esta é que se vaian renovando postos, sempre con preferencia para a xente de aquí de Galicia, pero tamén hai postos que se reservan para xente de fóra", indica Irene Malvárez, quen se encarga de coordinar aos artesáns presentes na feira, á que acode con posto propio de xoiería en cobre e esmaltados a lume chamado Xacaranda.
Malvárez explica que a feira deste ano conta cunha gran variedade de postos, con maioría de xoiería e bixutería, que son produtos moi demandados, pero co engadido de artesáns que se estrean en Chalana. É o caso das casetas de venda de xoguetes de madeira, obxectos feitos con cana de bambú ou de elaboración de macramé, unha artesanía que tomou moito pulo nos últimos anos.
A XIV feira de artesanía Chalana pódese visitar ata o 3 de agosto en horario de mañá, entre as 11.00 e as 14.00 horas, e pola tarde, de 19.00 a 22.30 horas.
Relacionadas:
-
O programa das 'Festas de Verán' xa está na rúa
Por Redacción |
-
A feira de artesanía Chalana abre en Pontevedra e a súa excepcionalidade atrae a novos participantes
Por Redacción |
-
Artesanía con deseño atlántico, ata o 4 de agosto na Ferrería
Por Redacción |
-
Artesanía e deseño van da man nunha nova edición da feira Chalana
Por Redacción & Mónica Patxot |