Pontevedra analizará as novas perspectivas abertas dez anos despois do 'boom da adopción'
Por Redacción
Os vindeiros 22 e 23 de novembro celebrarase no Salón de Actos do Pazo da Cultura de Pontevedra o VII Congreso Internacional AFIN. O evento reunirá algúns dos máis destacados especialistas a nivel internacional en cuestións como o contacto entre familias biolóxicas e adoptivas, as "necesidades especiais" na adopción ou a xestación subrogada.
Desde finais da década dos 90 do século XX, as adopcións de nenos e nenas doutros países por parte de familias españolas experimentaron un incremento sen precedentes, que situou o país, en 2004, á cabeza da adopción internacional, unicamente por detrás dos Estados Unidos.
Dez anos despois, boa parte dos nenos e das nenas chegados durante o que se deu en chamar o "boom da adopción" acadaron a adolescencia ou están a achegarse a ela.
Os resultados de investigación do Grupo de Investigación AFIN da Universidade Autónoma de Barcelona apuntan á aparición de desafíos, estímulos e necesidades específicas tanto na súa inclusión familiar como social.
Entre outras cuestións, constatouse que, comparadas coas da poboación en xeral, as necesidades de "novas" estratexias de parenting ou relacións interpersoais, o índice de familias que mostran dificultades relacionais e adaptativas, así como de diagnóstico de certas síndromes (como a TDAH ou a FASD) son meirandes neste colectivo.
O VII Congreso Internacional AFIN, pensado como un espazo de diálogo e reflexión conxunta entre investigadores de diferentes países, familias e profesionais que traballan no ámbito da infancia e da reprodución, abordará estas e outras cuestións, como a xestación subrogada e a batalla legal e emocional das persoas afectadas polas tramas de apropiación e roubo de bebés en España.
O Grupo de Investigación AFIN, con sede na Universitat Autonoma de Barcelona e dirixido pola doutora Diana Marre, traballa de forma ininterrompida desde 2004 en temas de infancia e familia, adopción e reprodución. No marco do que é xa o seu terceiro proxecto de I+D financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade, celebrará en novembro o seu sétimo congreso internacional, nesta ocasión organizado en colaboración con Manaia, a Asociación Galega de Axuda á Adopción.