Lores: "O Concello de Pontevedra ten no seu ADN o respecto polo medio ambiente"
Por Redacción & Mónica Patxot
"O Concello de Pontevedra ten no seu ADN o respecto polo medio ambiente, a loita contra o cambio climático e a recuperación dos residuos municipais". Así o defendeu este venres o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, con motivo dunha visita á carpa instalada na praza da Peregrina polo Día Mundial do Medio Ambiente.
Lores acudiu acompañado polo concelleiro responsable da Xestión de Residuos, Raimundo González, e defendeu que para cumprir con ese compromiso "estamos traballando para cumprir directivas europeas que cremos que son absolutamente razonables". Nesta liña, asegurou que Pontevedra está "en condicións de cumprir con esas directivas" porque leva xa anos "traballando moi seriamente neste tema".
Na carpa instalada na céntrica praza, o Concello ofrece á cidadanía información sobre as distintas modalidades de tratamento de residuos domésticos, tanto a través da compostaxe individual como da comunitaria e do Plan Composta (colector marrón).
Durante a visita, Fernández Lores referiuse á compostaxe e amosouse satisfeito porque no municipio "hai un comportamento de colaboración excepcional por parte dos cidadáns". A colaboración da veciñanza coa compostaxe é, desde o seu punto de vista, "traballo comunitario de axuda para recuperar o medio ambiente e loitar, dalgunha maneira, contra o cambio climático".
O Concello de Pontevedra está a estender a compostaxe en todo o Concello. No rural apóstase polo modelo de composteiro individual que xa chegou a dous terzos dos domicilios, pero tamén hai proxectos de compostaxe comunitaria que están a producir un compost de altísima calidade "pola correcta separación de residuos que a xente fai e tamén polo traballo dos mestres composteiros" e teñen en marcha unha campaña de adhesión ao contedor marrón do Plan Composta e a resposta tamén está sendo positiva.
A instalación da carpa na praza da Peregrina enmárcase nas actividades a pé d e rúa coas que o Concello conmemora o Día Mundial do Medio Ambiente.
Volverá a instalarse no mesmo punto os venres 4 e 11 de xuño, en horario de 11.30 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas, e ofrece información sobre as distintas modalidades de tratamento de residuos domésticos, co obxecto de que as persoas que aínda non participan en ningunha das modalidades de compostaxe poidan inscribirse.
Ademais, entrégaselles un saco de compost e unha planta aromática de uso culinairo.
Relacionadas:
-
Técnicos de Canarias, Zaragoza, Valladolid e Madrid visitan Pontevedra para coñecer o sistema de compostaxe integral do Concello
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Pontevedra baixará o recibo do lixo de decembro por enviar menos toneladas a Sogama
Por Oskar Viéitez |
-
Dúas de cada tres vivendas do rural pontevedrés xa teñen composteiro individual
Por Alejandro Espiño |
-
A recollida selectiva superou en 2020 as catro mil toneladas de residuos, un 12% máis
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra xa ten operativos 20 novos colectores de compostaxe
Por Redacción |