Solicitan por carta á Ministra de Fomento o arranxo dos danos ocasionados polas obras da Alta Velocidade
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra enviou unha carta á Ministra de Fomento, Ana Pastor, na que lle solicita a reparación dos danos derivados polas obras do Tren de Alta Velocidade (TAV) ao seu paso polo municipio.
O concelleiro de Infraestructuras, César Mosquera, lamentou ter tido que dar este paso xa que, ata hai uns meses, os técnicos municipais viñan mantendo periodicamente reunións técnicas de coordinación coa anterior dirección das obras do TAV que permitían planificar e coordinar as afeccións aos servizos e ir solucionando as disfuncións e deterioracións que as obras causaban, ademais de minorar as molestias e os danos que inevitablemente íanse producindo.
O problema xurdiu fai agora seis meses cando despois de varios intentos de reunión coa nova dirección e de reiteradas visitas ás zonas de obras, os danos e as situacións de deterioración persisten: "Trátase dunhas situacións que se están a prolongar no tempo e por iso se agravan cos conseguintes problemas para os usuarios das vías públicas e veciños", explicou Mosquera, trasladando a preocupación do grupo de goberno ante as lóxicas protestas dos colectivos veciñais afectados.
No seu escrito o Concello acompaña unha extensa relación de danos e afeccións que inclúen dende reposición de farois, destrución de canalizacións, enterro de pozos de rexistro, de elementos patrimoniais, alteración da canle do río Gafos, mal estado de pistas, estradas e do Camiño de Santiago, ata barreiras arquitectónicas ou reasfaltados.
Por todo iso solicitan á Ministra de Fomento que curse as ordes oportunas para que se solucionen estes problemas á maior brevidade posible co fin de eliminar os prexuízos que están a causar.