239 parados máis no concello de Pontevedra e 13 menos en Vilagarcía durante o mes de setembro
Por Redacción
O sector servizos volve ser o sector que máis desemprego xera, tanto nas bisbarras de Pontevedra e Arousa. Os sindicatos entenden que, ao longo do mes de setembro, se detectou que finalizaba o efecto estacional de creación de emprego durante o verán e, polo tanto, o paro volve ascender.
O número de desempregados na cidade de Pontevedra ascende a 8.410 incrementándose en 239 persoas respecto ao mes de agosto deste ano. O dato tamén é negativo en relación ao mes de setembro do pasado ano con 246 parados máis.
En Arousa, no concello de Vilagarcía a cifra de desempregados sitúase en 4.804 cun descenso de 13 desempregados en relación co mes anterior e cun incremento de 149 persoas que se sumaron ao paro durante este mes en comparación con 2012.
No sindicato CIG, o secretario comarcal Marcos Conde cre que é necesario cambiar a dinámica actual e durante esta tarde do mércores ten convocada unha asemblea de desempregados nos locais sindicais.
Pola súa banda, UGT sinala que as mulleres seguen sendo as máis prexudicadas na perda de emprego e anima a que a política do Goberno teña resposta con protestas na rúa o 7 de outubro.