A Xunta inicia a construción dunha senda peonil na Devesa
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar este luns os traballos de construción dunha senda peonil na estrada autonómica PO-531 ao seu paso pola contorna da Devesa, no Concello de Pontevedra, cun investimento de máis de 830.000 euros.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, supervisou o comezo desta actuación, que estará rematada a finais de ano e que se enmarca no proxecto de reforzo da seguridade viaria entre Pontevedra e Vilagarcía de Arousa.
"Con este investimento, que arranca dous meses despois da posta en servizo doutra senda importante na PO-225 na parroquia de Alba, seguimos agora coa remodelación e modernización da PO-531 na área de Pontevedra, á que dedicamos case 4 millóns nos últimos tempos no treito entre a capital e o enlace de Curro", detallou o representante autonómico.
Esta obra consiste na creación dun percorrido seguro de 1.500 metros de lonxitude, entre os puntos quilométricos 5+460 e 6+900, que unirá os lugares de Sabarís, O Bispo e A Devesa para favorecer o tránsito peonil dos seus veciños.
A actuación, que arrancou esta mañá despois de que a semana pasada se procedera ao pintado e sinalización da zona, contempla a creación dunha senda en formigón cunha anchura mínima de dous metros e unha franxa axardinada de separación de zonas en todos aqueles puntos nos que sexa posible por cuestións de espazo.
Así mesmo, tamén está previsto que se constrúan dous treitos de pasarela, sustentada sobre muros de contención e zonas con micropilotes, para salvar o paso sobre o rego do Castrado.
O proxecto completarase coa renovación da rede de drenaxe para permitir unha axeitada saída ás augas de escorrentía, a reposición dos servizos afectados polas obras, a colocación de nova sinalización e balizamento e a execución doutras obras menores para favorecer o acceso ás vivendas.
Esta iniciativa está cofinanciada con fondos europeos do programa FEDER 2014-2020.
Relacionadas:
-
Alba estrea a súa senda para peóns e peregrinos na zona de San Caetano
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A Xunta recibe ofertas de 16 empresas para executar unha senda na PO-531 na Devesa
Por Redacción |
-
En primavera comezarán as obras para crear a senda peonil e ciclista na PO-531 no lugar da Devesa
Por Redacción |