Os 77 becarios do Plan de Emprego municipal incorpóranse este martes aos seus postos de traballo
Por Redacción
77 becarios realizarán prácticas remuneradas en empresas no marco do Plan de Emprego do Concello de Pontevedra. Xa asinaron toda a documentación administrativa e incorporaranse este martes aos seus postos de traballo, no que permanecerán durante un período máximo de tres meses. A selección foi realizada por medio de entrevistas persoais a partir dunha listaxe de 231 parados pontevedreses remitida polos Servizos Públicos de Emprego.
Os beneficiarios deste primeiro Plan de Emprego do Concello, dotado con 90.000 euros, terán unha xornada diaria de catro horas e percibirán 350 euros ao mes, minorados coa retención do 2% para o IRPF. O Concello cubrirá a alta na Seguridade Social e a cota mensual, polo que as empresas non terán ningún custo. Esta beca é compatible con calquera prestación ou axuda por desemprego e permitiralles gañar experiencia e reintroducirse no mercado laboral.
Na recepción oficial que protagonizaron este luns na Casa da Luz, a concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, destacou a obxectividade do procedemento de selección, que culminou coa selección destas 77 persoas, das cales en torno ao 60% son mulleres. En canto ao nivel formativo, o grupo pode dividirse aproximadamente en tres terzos con formación básica, media e universitaria.
A Concellería contou coa colaboración de 61 empresas e institucións, que chegaron a ofertar un total de 119 prazas. Os 77 becarios foron colocados en aqueles postos que máis encadraban dentro do seu perfil persoal e profesional. Os postos cubertos repártense fundamentalmente dentro do sector servizos e cobren un amplo abano de especialidades.
Os becarios traballarán case na súa integridade dentro do termo municipal de Pontevedra, agás en tres casos, asignados a dúas empresas de Marín e Poio que manifestaron o seu interese por sumarse a esta iniciativa municipal.
Finalmente, a concelleira destacou a idoneidade de optar pola fórmula das becas non laborais e incidiu na importancia de ofertar prácticas en empresas, en lugar de focalizar os plans de emprego exclusivamente dentro do sector público. Destacou que, deste xeito, facilítase a experiencia profesional aos parados ao tempo que se reforza a colaboración coa pequena e mediana empresa.
Relacionadas:
-
Máis de 180 desempregados poderán beneficiarse a partir de outubro do II Plan de Emprego Local
Por Alejandro Espiño |
-
Esixen ao alcalde que convoque o Consello Económico e Social, que non se reúne dende hai 20 meses
Por Redacción |
-
A Concellería de Promoción económica crea un plan de emprego con 77 bolsas de 350 euros mensuais
Por Redacción |