A trampear, que é tempo de frear a creación dos niños de velutinas
Por Redacción
A asociación Depolgal e o Concello de Marín decidiron iniciar unha campaña contra a praga das avespas velutinas. A asociación alerta da necesidade de actuar de maneira colectiva, especialmente desde o punto de vista da prevención, coa instalación de trampas de formato caseiro que permitan eliminar ás raíñas e evitar a proliferación desta especie invasora que se converteu nunha praga e elimina ás colmeas enteiras de abellas.
Ante a chegada da primavera, o portavoz do colectivo Depolgal Sergio Vázquez tenta concienciar á cidadanía para que constrúan trampas co obxectivo de realizar estas capturas. A raíña sae da hibernación para alimentarse e crear os niños primarios nesta época do ano. Estes niños poden aparecer no chan, nos beirados das vivendas ou nos galiñeiros. Por este motivo, sobre todo fan fincapé en que a xente do rural actúe.
Con estas trampas evítase o incremento habitual durante o verán de niños secundarios. Sergio Vázquez alerta de que a problemática da velutina é unha cuestión de saúde pública e por iso hai que tentar poñer todo por parte dos residentes para atallar o problema.
Durante este martes publicarase nas redes sociais do Concello de Marín un vídeo no que se explica esta situación e ofrécense os pasos para elaborar as trampas en casa cun par de botellas, viño da casa, auga, azucre e vinagre.
Desde o Concello de Marín lembra tamén que se pode acudir ao servizo do 112 da Xunta de Galicia para solicitar a retirada de niños nos lugares nos que se detecten.