Peche dunha semana de vacinación masiva na que foron citadas 14.350 persoas da área sanitaria
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
Nin sequera en domingo descánsase no que a vacinación se refire. O Recinto Feiral de Pontevedra volveu a abrir as súas portas no último día da semana para poñer fin a unhas intensas xornadas de campaña de vacinación masiva na área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés.
En total, en todo a área, foron chamadas a participar ata 14.350 persoas ao longo dos últimos días, entre o recinto pontevedrés e o de Fexdega en Vilagarcía.
Primeiro fixérono 5.350 persoas de entre 60 e 65 anos, nacidas entre 1956 e 1961, ás que se lle inxectou durante o martes e mércores a vacina de AstraZeneca cunha asistencia do 75,6% dos citados, é dicir, 4.015 persoas, segundo os datos oficiais.
Pola súa banda entre o xoves e o sábado foi a quenda de preto de 9.000 persoas de entre 75 e 79 anos, para recibir no seu caso unha dose de Pfizer. Foron xornadas de asistencia masiva, chegando a producirse algunha cola a pesar da organización prevista.
En canto a este domingo, chamouse a preto de 2.000 persoas, repartidas entre a xornada de mañá e de tarde, de novo entre a franxa de 60 a 65 reservada para AstraZeneca e contando cunha asistencia algo menor que os días anteriores, segundo os profesionais alí presentes e a falta do balance oficial da Consellería de Sanidade.
Aínda que para este luns non hai previsión de recorrer de novo ao Recinto Feiral, durante a próxima semana está previsto volver convocar a un importante número de pontevedreses. Mentres tanto, a campaña de vacinación continuará activa nos centros de saúde e hospitais.
Relacionadas:
-
Novo impulso á vacinación na área sanitaria, con 31.173 doses en dúas semanas
Por Redacción |
-
España destinará as vacinas de AstraZeneca a persoas de 60 a 69 anos
Por Redacción |
-
A Xunta vacina a 4.015 persoas de entre 60 e 65 anos na área sanitaria
Por Redacción |
-
Das aglomeracións iniciais a unha segunda xornada tranquila de vacinación no Recinto Feiral
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Comeza a vacinación masiva no Recinto Feiral de Pontevedra
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Sanidade organiza unha vacinación masiva para persoas de 75 a 79 anos e entre 60 e 65 anos
Por Alejandro Espiño |