Os traballos no xacemento de Castrolandín comezarán a próxima semana
Por Redacción
Os traballos no xacemento de Castrolandín, en Cuntis, comezarán na vindeira semana. Están enmarcados no convenio firmado entre a Deputación de Pontevedra e o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) co que investigan e poñen en valor os xacementos arqueolóxicos da provincia.
Co acordo, buscan avanzar nos coñecementos dos modos de vida, a transformación da paisaxe e o que sucedía fóra dos recintos fortificados na Idade de Ferro no interior da provincia. En Castrolandín realizarán pequenas sondaxes valorativas para a caracterización da estratigrafía en diversas localizacións e para a avaliación do potencial dos seus diferentes sectores en función dos resultados das tarefas realizadas.
Os traballos tamén inclúen a documentación do espazo nun área dun quilómetro cadrado e a caracterización da morfoloxía dos sitios e da contorna. Usarán drones para ter unha imaxe visible e multiespectral e realizarán un escaneo 3D e fotogramétrico. Estas actividades terán a súa continuidade nos xacementos de Montaz e Bendoiro.
Pola súa banda, o director deste proxecto, Carlos Otero (arqueólogo e Instituto de Ciencias do Patrimonio), ofrecerá unha charla o sábado 17 de abril ás 12:00 horas na que falará sobre 'As persoas habitantes de Castrolandín". O aforo será limitado pero todo aquel que queira asistir poderá inscribirse no enderezo electrónico visitas@castrolandin.es.
A través deste convenio tamén desenvolverán un curso sobre Fluorescencia de Raios X destinado a persoas profesionais do sector no Pazo de Liñares no mes de maio e, dentro da Semana Internacional da Arqueología, celebrarán o 28 de xullo unha xornada de portas abertas no Centro de Xestión Arqueolóxica do Pazo de Liñares, onde ademais de coñecer o laboratorio e os procesos de traballo que alí se realizan, as persoas visitantes poderán ver os materiais investigados.
Relacionadas:
-
Castrolandín puido ser ata tres veces máis extenso do que se pensaba
Por Oskar Viéitez |
-
A Fundación Castrolandín suspende por segundo ano a Festa dos Fachos
Por Redacción |
-
Comezan na Lanzada os traballos do xeorradar cara o proxecto de musealización do xacemento
Por Redacción |
-
Castrolandín, "un atractivo para o turismo"
Por Redacción |
-
Xa están abertos ao público os tres primeiros castros musealizados pola Deputación e o Ministerio
Por Oskar Viéitez |
-
Cuntis renova o convenio con Terra Termarum para a xestión do xacemento de Castrolandín
Por Redacción |
-
O Pazo de Liñares será a "referencia" para o xacemento de Castrolandín
Por Redacción |