Xa están abertos ao público os tres primeiros castros musealizados pola Deputación e o Ministerio
Por Oskar Viéitez
Trazas de Pontevedra, o proxecto para a musealización e posta en valor de 18 xacementos galaico-romanos da provincia, iniciativa conxunta do Ministerio de Transporte, Movilidad e Axenda Urbana, e a Deputación de Pontevedra, comeza a ser unha realidade.
O estudo español AGi architects, gañador do concurso público, autor do proxecto e director da obra, completou a primeira fase, que abarca as intervencións realizadas nos castros de Alobre, en Vilagarcía de Arousa; Toriz, en Silleda; e A Subidá, en Marín.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva visitou este xoves estes tres emprazamentos. Na súa estancia en Marín salientou que con este proxecto "queríamos poñer en valor o xacemento dende un punto de vista de turismo sostible que ten unha enorme atracción de visitantes. Nesta provincia hai enormes potencialidades turísticas ligadas a un patrimonio fermosísimo".
A alcaldesa de Marín, María Ramallo agradeceu á Deputación o seu papel na mellora do castro para convertelo nun "lugar de referencia onde, moi posiblemente, se iniciou a vila de Marín".
O estudo encargado da obra dixo que foi unha actuación, "sensible e respectuosa coa contorna de cada xacemento, co fin de dotarlles dunha identidade propia, sostible, sinxela e que, á vez, represente unha experiencia única para o visitante, converténdose, ademais, nun impulsor do turismo da zona", segundo describen os seus autores.
Ainda que non todos coinciden con esta valoración, a portavoz municipal do BNG de Marín, Lucía Santos, afirmou respecto ao traballo feito no castro de A Subidá que "as actuacións levadas a cabo son un atentado ao patrimonio arqueolóxico".
CASTRO ALOBRE
No caso do xacemento de Castro Alobre, Carmela Silva asegurou que tamén foi "unha actuación baseada nos máis altos estándares arqueolóxicos de calidade para amosar o noso poderío neste campo e converternos nun destino que ten como un dos seus grandes valores o patrimonio arqueolóxico".
Pola súa banda, o alcalde de Vilagarcía Alberto Varela incidiu en que "con esta intervención recupérase o punto patrimonial máis importante da cidade e axúdanos a interpretarnos, pero tamén é un factor clave que aporta riqueza cultural e turística para Vilagarcía".
Relacionadas:
-
As catro visitas escenificadas aos xacementos musealizados da provincia comezarán esta semana
Por Redacción |
-
Comezan na Lanzada os traballos do xeorradar cara o proxecto de musealización do xacemento
Por Redacción |
-
A Xunta despexa o horizonte para a unión subterránea dos edificios históricos do Museo
Por Oskar Viéitez |
-
Os traballos no xacemento de Castrolandín comezarán a próxima semana
Por Redacción |
-
Campo Lameiro aborda actuacións para poñer en valor os seus petróglifos
Por Isabel Feijóo Gallardo |