Menhir de 4.500 anos de historia, abandonado entre fentos
Por Redacción
Pedrafita de Currás é un menhir que supera as 9 toneladas de peso e os 4.500 anos de existencia. Atópase en Marín nun espazo onde agroman os fentos e sen sinalización nin promoción. Así o denuncia Lucía Santos, a portavoz municipal do BNG, que trasladaba á comisión informativa de cultura e patrimonio a súa preocupación polo estado que presenta este monumento arqueolóxico.
E é que Pedrafita de Currás é o único menhir que se atopou enteiro, nunha soa peza, en Galicia. En 2016, a concelleira nacionalista xa alertara sobre a situación de abandono deste monumento megalítico. Posteriormente instaláronse dous paneis informativos nas proximidades, un deles atópase totalmente borrado, segundo denuncia a portavoz do BNG.
Ante esta situación reclaman a restitución do panel, a difusión da existencia do menhir e máis puntos informativos sobre este elemento con datos sobre a súa localización. Lucía Santos sinala a importancia de determinados xacementos do municipio e a necesidade de promocionalos e conservalos.
Por este motivo lamenta a "falta de sensibilidade e desinterese por parte do goberno municipal en relación co noso patrimonio. Neste caso, o goberno municipal aplicou a lei do mínimo esforzo e é necesario lembrar que as administracións públicas son as primeiras que teñen que velar polo noso patrimonio", reiterou Santos.