Colectivos feministas de Pontevedra reclaman que o Pazo de Meirás se dedique á memoria
Por Redacción
O Pazo de Meirás debe ser un centro dedicado á memoria antifranquista. Esa é a reivindicación dos colectivos feministas galegos que fixeron público un manifesto para solicitar á Xunta de Galicia que non utilice a súa loita como escusa para silenciar o que ocorreu nel.
Case un cento de sinaturas apoian xa este manifesto, promovido pola xornalista Montse Fajardo, a presidenta da AC Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo, e a poeta Marta Dacosta.
Entre os apoios recibidos están varios colectivos pontevedreses como o Colectivo Feminista de Pontevedra, Comando Mazá, O soño de Lilith ou A Bella Otero de Valga.
Entenden que tras décadas de arduo traballo para que o Pazo pasase a mans "do seu lexítimo propietario, o pobo galego" é o momento de mudar o seu significado e convertelo no símbolo de restitución da memoria das vítimas e da loita da sociedade "para acabar coa impunidade".
As asinantes irrompen no debate sobre os usos de Meirás apoiando que se destine á recuperación e a divulgación da memoria do pobo "aldraxado e aniquilado" e da súa loita antifranquista desde unha "imprescindible perspectiva de país, clase e xénero".
A súa ollada debe estar posta tamén, engaden no manifesto, na restitución do recordo das mulleres que foron represaliadas "e que aínda así foron quen de ser solidarias co pobo perseguido e resistentes na loita e na transmisión do verdadeiro relato".
Como feministas, aseguran que hai que facer visible a súa loita e traballar en prol da memoria e o manifesto remata lembrando que "o feminismo non agocha a memoria, está inzado dela".