Poio destinará parte dos seus aforros á adquisición de terreos para o futuro centro de saúde
Por Oskar Viéitez
O Pleno ordinario de marzo, que terá lugar o vindeiro día 30, abordará unha modificación de crédito que, unha vez aprobado, permitirá ao Concello de Poio facer uso do remanente de Tesourería resultante da liquidación do Orzamento do ano 2020, cuxa contía total ronda os 1,8 millóns de euros.
O Goberno municipal aposta por investir preto de 1,5 millóns de euros en diferentes actuacións, obras e iniciativas. Entre elas, figura a dotación de 300.000 euros para adquisición de terreos para o futuro centro de saúde.
Ademais, a posibilidade de poder facer uso do remanente de Tesourería de 2020 tamén permitirá gardar 200.000 euros para executar a ampliación do cemiterio municipal de San Xoán, un proxecto no que tamén está a traballar o Goberno local. Máis de 220.000 euros serán para levar a cabo diferentes actuacións e obras de mellora nas estradas e vías do municipio. O Concello, asemade, reserva un total de 196.046 euros para impulsar o proxecto de renovación do alumeado público, para o cal tamén se solicitarán fondos europeos a través do Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE).
Por outra banda, nesta modificación tamén se inclúen os 100.000 euros de fondos propios que o Concello destinará á realización de axudas directas aos sectores máis afectados polas restricións contra a covid-19, aos que hai que engadir outros 50.000 achegados pola Deputación de Pontevedra.
A adquisición de maquinaria, como tractores para desenvolver tarefas de Medio Ambiente ou unha grúa para a reparación de alumeado, tamén se inclúen no documento. O Goberno local sinala que quedarán en reserva outros 285.000 euros.
Esta utilización do remanente de Tesourería é posible despois de que o Goberno central suspendese temporalmente a regra de gasto, durante 2020 e 2021, por mor da crise sanitaria da covid-19.
Relacionadas:
-
O vindeiro Pleno abordará unha modificación orzamentaria para adquirir os terreos do futuro centro de saúde de Poio
Por Oskar Viéitez |
-
O PP afirma que goberno local converterá a Poio no concello con máis débeda da provincia
Por Oskar Viéitez |
-
Poio usará 1,5 millóns de euros dos seus remanentes para diferentes actuacións
Por Redacción |
-
O remanente de Tesourería correspondente ao ano 2020 marca un novo teito en Poio
Por Oskar Viéitez |
-
O BNG leva novamente ao Parlamento a "grave situación" do Centro de Saúde de Anafáns
Por Oskar Viéitez |
-
Poio insta a Sanidade a que mellore o servizo e constrúa un novo centro de saúde
Por Redacción |