Plantean unha mesa de diálogo para resolver o futuro de ENCE
Por Redacción
A hipótese dunha mesa de traballo na que analizar as posibilidades de futuro de ENCE en Pontevedra foi sempre unha posibilidade reclamada desde varios ámbitos. Os máis firmes, o PSOE municipal que se mostrou partidario do diálogo para resolver este conflito.
Agora son os traballadores da pasteira, a través do seu comité de empresa, os que reclaman explorar esa vía. Así llo trasladaron durante a reunión telemática que mantiveron este xoves co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán.
Tras este encontro, o comité trasladou que o futuro da fábrica pontevedresa debe abordarse nun "foro único" e non a través de "reunións bilaterais".
Por iso, na entrevista solicitaron a Morán que o Goberno central convoque "con carácter inmediato" a todas as partes implicadas, entre as que citan á Xunta de Galicia, á empresa e aos traballadores, para "intercambiar opinións, análises e estudos" da situación.
O obxectivo desta medida, segundo o comité de empresa, é "garantir o futuro e a continuidade dos nosos postos de traballo", polo que esixen que todas as partes acepten este marco de diálogo.
"É desta forma plural a única maneira que teremos os traballadores de garantir o futuro dos nosos postos de traballo", sinalan desde o comité a través dun comunicado.
Tino Fernández, tenente de alcalde en Pontevedra e portavoz local do PSOE, mostrou a súa satisfacción polo encontro entre os representantes do comité de empresa e o secretario de Estado para tentar resolver a situación dá fábrica. Espera que se poida producir esa mesa de negociación, segundo expresaba durante a tarde deste xoves na rolda de prensa que ofreceu co alcalde Miguel Anxo Fernández Lores para condenar a protesta de traballadores de Ence con dirixentes de CC.OO. no Concello de Pontevedra.
REUNIÓN DE HUGO MORÁN COA APDR
Tamén durante este xoves, representantes da Asociación pola Defensa da Ría (APDR) mantiñan un encontro telemático co Secretario de Estado para o Medio Ambiente e a Directora de Costas Ana María Oñoro.
Por parte do colectivo ecoloxista participaron o avogado Vicente Legísima, Benito Andrade e Antón Masa. Segundo expoñen desde a APDR, a reunión centrouse na "inusitada e interesada polémica" sobre o artigo 18 da Lei de Transición Ecolóxica.
Desde o colectivo sinalan que a Lei de Patrimonio do Estado é a que establece o prazo máximo de 75 anos de permanencia dunha instalación en terreos de dominio público mar´estafo-terrestre, incluídas as prórrogas.
Segundo a APDR, os representantes do Goberno dixeron que non entendían a posición da Xunta de Galicia e dalgunhas forzas políticas que esixen a retirada dese artigo, unha retirada que non se producirá, segundo expuxeron á asociación.
O Secretario do Estado de Medio Ambiente sinalou que, se todo transcorre segundo o previsto, a finais de abril poderá remitirse ao BOE a Lei para a súa publicación. Morán e Oroño aseguraron á APDR, sempre segundo o colectivo, que o Ministerio traballa co horizonte do ano 2033, co cumprimento de 75 anos desde a concesión dos terreos en Lourizán, como data tope para a permanencia de Ence na ría, á espera do veredicto da Audiencia Nacional sobre a legalidade da prórroga concedida polo goberno en funcións de Mariano Rajoy á fábrica.
En relación á visión catastrofista que Ence, Xunta de Galicia e Partido Popular ofrecen sobre a comarca se pecha a factoría, Hugo Morán sinalou que "a suma dos intereses individuais, non dá como resultado o interese xeral".