Construcciones Rafer executará a senda na Devesa por uns 615.000 euros
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar á empresa Construcciones Rafer S.L. por máis de 615.000 euros as obras para a execución dunha senda na estrada PO-531 na Devesa, no concello de Pontevedra.
Está previsto iniciar a finais de marzo o acto expropiatorio de levantamento de actas de ocupación dos terreos necesarios. O obxectivo do departamento de Infraestruturas da Xunta é iniciar as obras nesta primavera. Os traballos, cun prazo de execución de 6 meses, estarán rematados entre finais deste mesmo ano e comezos de 2022.
O itinerario permitirá comunicar os núcleos de Sabarís, O Bispo e A Devesa, reforzando a seguridade viaria dos peóns.
A senda terá unha lonxitude próxima aos 1,5 quilómetros e executarase en formigón cun ancho mínimo de 2 metros. Ademais, construirase unha franxa axardinada de separación entre a calzada e a senda naquelas zonas onde haxa espazo suficiente.
As obras tamén incluirán unha senda en voadizo cunha pequena pasarela para superar o rego do Castrado con sistemas de contención, con dous muros para o sostemento de terra.
Tamén se levarán a cabo traballos complementarios como a adecuación da rede de drenaxe, a reposición dos servizos afectados, o acondicionamento da sinalización e o balizamento e execución de obras menores para garantir a axeitada accesibilidade ás vivendas existentes.
Relacionadas:
-
Alba estrea a súa senda para peóns e peregrinos na zona de San Caetano
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A Xunta recibe ofertas de 16 empresas para executar unha senda na PO-531 na Devesa
Por Redacción |
-
En primavera comezarán as obras para crear a senda peonil e ciclista na PO-531 no lugar da Devesa
Por Redacción |