Un motorista rompe as pernas tras bater contra un tractor en Ribadumia
Por Redacción
Dúas pernas rotas, un brazo roto e posiblemente algunha costela é a avaliación provisional feita polo persoal sanitario que atendeu esta tarde a un motorista novo que colidiu contra un tractor en Ribadumia.
O suceso tivo lugar ás 16:37 horas na estrada que une Vilariño (Cambados) e Barrantes (Ribadumia).
O ferido é un mozo veciño da parroquia de Sisán, que despois de ser estabilizado foi trasladado en ambulancia medicalizada a un centro hospitalario da capital.
Como consecuencia do accidente o tráfico quedou cortado neste punto da vía durante hora e media.
Interviñeron no accidente a Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Ribadumia e Cambados e o 061.