Sanidade fará un cribado en Caldas, que ten 68 casos activos, unha incidencia de 680
Por Redacción
Caldas de Reis ten este xoves 68 casos activos de covid-19, cinco menos que o mércores. Pese á baixada, o municipio suma unha incidencia acumulada a 14 días de 680 casos por cada 100.000 habitantes. Ademais, esta pequena redución chega despois de dous días con récord de contaxios.
Á vista desta situación, a Consellería de Sanidade fará un cribado masivo no municipio a toda a poboación de máis de 15 anos, uns 8.000 veciños.
A información anunciouna este xoves o alcalde, Juan Manuel Rey, que explicou que o Sergas decidiu realizar este cribado para detectar novos casos positivos de coronavirus entre pacientes asintomáticos.
De momento, non hai data nin lugar para a celebración deste cribado, pero o alcalde explica que puxo a disposición da xerencia da área sanitaria e de Sanidade todas as instalacións públicas municipais e equipamentos, incluídos os do rural, para que as probas se leven a cabo dende a máxima operatividade e coa maior comodidade e seguridade para a veciñanza.
Segundo adiantou, todo apunta a que se realizará nas novas instalacións da Escola Taller, situadas no novo edificio da Escola Municipal de Música "debido a que son unhas instalacións a estrear que gardan todas as condicións para realizar os test coa maior eficacia e organización".
O alcalde pediu este cribado ao xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez e, "tras varios días de xestións", confirmaron a súa celebración. Para facelo posible, o Concello xa lle facilitou a Sanidade o censo de poboación.
Juan Manuel Rey aclara que o Sergas non decidiu realizar antes o cribado porque outros municipios da área sanitaria e da propia contorna presentan datos moito máis preocupantes que os de Caldas. As cifras no este municipio "tamén son alarmantes", pero sitúanse nunha incidencia acumulada de entre 650 e 750 casos por cada 100.000 habitantes mentres que Padrón ou Rois superan os 2.000, Moraña os 1.500 e Valga, Dodro ou Sanxenxo os 1.000.
O alcalde manifestou este xoves o seu malestar co voceiro municipal do Partido Popular, Fernando Pérez, que rexistrou un escrito no Concello solicitándolle xestións ao goberno para a realización dun cribado en Caldas, "un feito vantaxista dende o punto de vista político, que consideramos totalmente fóra de lugar", pois o líder do PP sabe que o alcalde tempo realizando xestións para este cribado e que Sanidade decide facer estes cribados sempre por factores puramente epidemiolóxicos e sanitarios.