Piden seis anos de cárcere a un pontevedrés por quitarlle cinco dentes a outro dun puñazo
Por Oskar Viéitez
A Fiscalía de Pontevedra pide seis anos de cárcere a B.O.F. un veciño de Pontevedra por unha agresión á saída dun pub da zona monumental.
Segundo o relato dos feitos que fai o Ministerio Público na madrugada do día 3 de decembro do ano 2010, no pub "Fifty" sito na rúa Barón de Pontevedra, no transcurso dunha discusión, o acusado "co ánimo de menoscabar a integridade física " de F.A.O.E. deulle unha puñada na boca, consecuencia do cal o prexudicado perdeu cinco pezas dentais.
A reposición das pezas dentarias supuxo un total de 9.760 euros.
Para o fiscal estes feitos son constitutivos dun delito de lesións polo que pide unha pena de seis anos de prisión.
O acusado indemnizará o agredido na cantidade de 700 euros polas lesións e 9.760 euros pola reparación da dentadura.
A sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou o xuízo para o día 17 ás dez da mañá.