Investigan unha estafa a unha residencia de maiores relacionada coa vacina da covid-19
Por Natalia Puga
A Garda Civil de Pontevedra mantén aberta unha investigación para aclarar unha suposta estafa da que foi vítima unha residencia de maiores do sur da provincia, á que enganaron utilizando como escusa a vacina contra a covid-19.
Segundo confirmaron fontes da investigación a PontevedraViva, a suposta estafa produciuse o pasado 5 de xaneiro e pola mesma xa se formalizou unha denuncia que agora está en mans da Brigada de Policía Xudicial.
A estafa produciuse, segundo consta na denuncia, a través dunha chamada telefónica. Os presuntos estafadores chamaron e respondeulles unha enfermeira á que acabaron enganando ata que realizou unha transferencia desde a súa conta bancaria persoal á da persoa que lle chamou.
A escusa utilizada foi, segundo puido saber este xornal, que para a xestión das vacinas era necesaria a instalación dunhas neveiras. Para poder axilizar esa xestión, a enfermeira abonou máis de 800 euros.
A enfermeira estafada estaba a traballar ese día en quenda de mañá e os estafadores dixéronlle que todas as xestións estaban faladas xa coa directora do centro, aínda que iso non era certo.
Esta denuncia é a primeira destas características da que hai constancia en Pontevedra e en Galicia, pero noutros puntos de España si se rexistraron feitos similares. En Cataluña, os Mossos d'Esquadra detectaron máis de 100 intentos de estafa en xeriátricos relacionados coa vacina da covid-19. En todos os casos, esas fraudes realízanse a través de chamadas telefónicas.
Cabe lembrar que a vacina contra a covid-19 é gratuíta e non é necesario facer ningún tipo de pago para recibila, de modo que convén estar alerta ante chamadas deste tipo porque pode tratarse de fraudes.