O lobo mariño 'Rube' recupérase na Illa de Arousa tras quedar atrapado nun aparello de pesca
Por Oskar Viéitez
O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), na Illa de Arousa, acolle desde onte ao lobo mariño cincento Rube para a súa recuperación.
O animal quedou atrapado o 17 de novembro no palangrillo dun barco na ría de Cedeira e foi trasladado á UCI de lobos mariños do establecemento veterinario que a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) ten en Nigrán.
Unha vez ingresado comprobouse que se trataba dun macho de menos de dous meses de idade e que pesaba 11 quilos, sendo un dos lobos mariños máis pequenos tratados en Galicia. Presentaba feridas no corpo, estaba desnutrido e deshidratado e cunha leve afección respiratoria.
A súa evolución foi favorable, o que lle permitiu gañar peso e quedar fóra de perigo, polo que superou a primeira fase da recuperación e se procedeu a trasladalo ao Igafa para superar a segunda fase, a previa á súa liberación.
Deste xeito, Rube permanecerá varias semanas nunha piscina exterior de auga corrente salgada do Igafa e posteriormente será embarcado para a súa solta en alta mar. A manutención e a atención sanitaria do mamífero corresponderalle á Cemma, que contará coa participación voluntaria do alumnado e demais persoal do centro dependente da Consellería do Mar. De feito, este tipo de estadías de exemplares de lobo mariño adoitan aproveitarse para formar aos estudantes en aspectos relacionados co coidado dos mamíferos mariños.
Esta acción forma parte da colaboración que vén mantendo desde o ano 2003 a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente co Cemma, para a recuperación dos mamíferos mariños que chegan ás costas galegas en mal estado ou feridos.