A parroquia de Santa María lanza a publicación 'Pedras Vivas'
Por Oskar Viéitez
Aproveitando que no momento actual non existe ningunha publicación específica que trate de cubrir a información de interese relixioso que se produce na bisbarra de Pontevedra a parroquia de Santa María lanza a publicación "Pedras Vivas".
Segundo explicou o párroco, Javier Porro, nunha rolda de prensa a proposta vai máis alá dos contidos dunha simple folla parroquial e pretende informar das actividades e actualidade da Igrexa cun estilo novidoso que a faga atractiva a todos os públicos.
Así, ademais de coidar e abrir os contidos a múltiples perspectivas, tamén se lle vai prestar unha atención fundamental ás formas, a cargo do deseñador gráfico Fernando Tomé.
A tales efectos, abriuse unha canle de comunicación coas Parroquias da zona, que canalizará igualmente esta información cara aos responsables de prensa do Arcebispado, alimentando tamén o espazo radiofónico "Igrexa Noticia", cuxa primeira emisión local para a bisbarra de Pontevedra iniciaba a súa andaina o pasado Domingo, 8 de setembro.
Paralelamente a parroquia anuncia a posta en marcha dun Máster de Nova Evanxelización. Trátase dun novo estilo pastoral marcado por novos métodos, recursos tecnolóxicos e comunicativos dispoñibles na actualidade.