Félix Juncal fai un chamamento á responsabilidade colectiva e individual para reverter a curva de contaxios
Por Redacción
Desde este xoves a partir das 00.00 horas, as persoas residentes en Bueu non poderán saír nin entrar no municipio agás en casos estritamente necesarios e xustificados. É a consecuencia de pasar a nivel de alerta máxima, decretado pola Consellería de Sanidade, ante o incremento de casos na vila.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, mantiña este mediodía unha reunión telemática con responsables da Consellería de Sanidade para estudar a evolución da epidemia da covid-19. O cambio afecta as reunións sociais e ao funcionamento dalgúns sectores produtivos. Limítanse os grupos para levar a cabo calquera actividade de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, a un máximo de catro persoas, salvo no caso de que se trate de persoas conviventes.
Os establecementos de hostalería e restauración terán prohibido o consumo no interior, e tan só se permitirá o uso das terrazas ao 50% da súa capacidade, con peche establecido ás 17.00 horas. A ocupación máxima por mesa é de catro persoas, respectando a distancia mínima de seguridade interpersoal.
A Xunta de Galicia tamén establece o peche temporal de actividades consideradas non esenciais como as relacionadas con locais de lecer nocturno, salas de festas, furanchos ou centros de lecer para escolares.
Juncal tamén mantivo un encontro co grupo de goberno e lanzou a mensaxe de que é necesaria a responsabilidade colectiva e individual para que se reverta a curva de contaxios. O alcalde tamén lembra que a cidadanía deberá seguir cumprindo as medidas de hixiene e seguridade como o uso obrigatorio da máscara, o mantemento da distancia, o lavado de mans e a utilización de xel hidroalcóholico.
Desde o grupo de goberno, que tamén manterá unha reunión durante a tarde deste mércores, irase anunciando á cidadanía todos os acordos que se adopten ante esta nova situación.