Javier Olleros, tras recibir dúas Estrelas Michelin: "Galicia é o lugar que me permite ser o que son"
"Levamos once anos. O verdadeiro éxito é ese", explica Javier Olleros, algo atafegado pola expectación pero igual que emocionado que onte. Foi o día que soubo que o seu proxecto de vida, Culler de Pau, converteríase no primeiro restaurante de Galicia con dúas Estrelas Michelin.
Atende a PontevedraViva sentando no salón do seu restaurante, coa ría de Arousa ao fondo, e asegura estar "contento e feliz" ante un recoñecemento que "nunca esperas porque non depende un". Iso si, recoñece que "sabiamos que estabamos nese run run que hai todos os anos", pero engade con certa modestia "como están moitos outros compañeiros".
Esta segunda Estrela Michelín "tocounos a nós", afirma Olleros, que se ve como un "privilexiado" porque en Galicia "hai moita xente que o está facendo moi ben e non tiveron este recoñecemento". Entre eles, non dubida en apuntar un nome: Pepe Solla, unha persoa "á que quero e admiro moito" e que, ao seu xuízo, "xa está noutra liga".
O do Grove non quere pensar moito en por que Galicia tardou tanto en situar a un dos seus restaurantes a este nivel da crítica gastronómica. "Temos o noso ritmo e todo chega cando ten que chegar", explica engadindo entre risas que "eles o perdían".
A pesar diso non dubida en celebrar que "se nos mire por fin coa forza e o interese cos que se nos debería mirar desde hai moito tempo". Nesta terra, defende Javier Olleros, "hai moi bos cociñeiros e xente con moito talento".
Galicia ten moito que ver, recoñece Olleros, no éxito de Culler de Pau. "Eu entendo a gastronomía desde o lugar que me permite ser o que son", apunta acerca da súa filosofía de traballo. "O que teño preto é o que me vai a dar carácter, personalidade e identidade", engade.
"O que me gusta cando senta un comensal é que saiba o lugar no que está, o momento no que está porque traballamos coas estacións e poder estar á altura desta paisaxe fermosa que temos", subliña o chef do Grove.
Para Javier Olleros, Galicia "é nosa particular musa á hora de pensar en pratos". Polos produtos que ofrecen o mar e a terra camiña a súa proposta gastronómica, xa que "nos dan unha chea de pistas para ser diferentes, para poñer calidade nunha mesa e para ser creativos"
O seu outro piar, afirma sen dubidalo, "é a contorna que coñezo desde pequeniño e as persoas coas que convivo cada día". Como a súa muller, Amaranta, xefa do restaurante; os seus fillos e os seus pais, uns "traballadores incansables" que emigraron a Suíza en busca dun futuro mellor.
Eles foron os que "por gamberrete e mal estudante" encamiñárono cara á hostalería. Por iso, para el, unha das súas maiores satisfaccións é "poder regalar todo isto con emoción á familia e devolverlles o que tanto nos deron en forma de valores, de agarimo, de amor e de estar sempre aí pensando nos demais".
As dúas Estrelas Michelin que lucirán a partir de agora no seu restaurante son unha alegría nun ano "difícil para todos", asegura o cociñeiro de Culler de Pau, que lembra o "gran esforzo" que están a realizar "todos os compañeiros para seguir á boia cos seus proxectos".
Aínda que el prefire ser optimista e destacar que "xa parece que hai luz ao final do túnel", Olleros non dubida en que afirmar que "temos que ser consecuentes e tratar de axudarnos entre nós" e, ao mesmo tempo, "esixir que non se deixe caer a un sector tan importante".
Relacionadas:
-
Javier Olleros, entre os candidatos ao premio de 'mellor chef do mundo'
Por Alejandro Espiño |
-
Javier Olleros, un "activista do verde" premiado como Cociñeiro do Ano en Madrid Fusión
Por Alejandro Espiño |
-
O Loxe Mareiro de Carril estrea o seu primeiro 'Sol' da Guía Repsol
Por Redacción |
-
As máscaras éticas chegan á cociña galega
Por Alejandro Espiño |
-
Os cociñeiros con Estrella Michelín serán nomeados embaixadores de Rías Baixas
Por Alejandro Espiño |
-
Javier Olleros será nomeado fillo predilecto do Grove
Por Redacción |
-
Iñaki Bretal, chef 'estrela' de O Eirado: "É algo que Pontevedra merecía. É bo para todos"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Iñaki Bretal logra para O Eirado a primeira Estrela Michelin para un restaurante de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Culler de Pau, primeiro restaurante de Galicia que obtén dúas Estrelas Michelin
Por Alejandro Espiño |