#Eusonloureiro, a campaña para dinamizar o comercio de Loureiro Crespo, xa ten 42 socios
Por Redacción & Mónica Patxot
A campaña de dinamización do comercio de Loureiro Crespo #Eusonloureiro, coa que a Concellaría de Obras busca tratar de paliar os efectos da reforma da rúa, botou a andar este xoves con 42 locais incorporados.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e os concelleiros de Obras e Urbanismo, Demetrio Gómez e Xaquín Moreda, fixeron unha vista á rúa este xoves con motivo do inicio das accións, a instalación do primeiro monolito da campaña.
Esta peza instalouse no cruzamento da rúa Loureiro Crespo con Doce de Novembro e recolle os establecementos comerciais adheridos.
O alcalde sinalou que os comercios de Loureiro Crespo están a pasar un mal momento porque á mala situación derivada da pandemia que afecta a todos os establecementos eles engádenlle as molestias que ocasionan as obras, por iso é polo que decidiron poñer en marcha esta campaña, para promover que "neste Nadal se compre no barrio”.
Ademais, anunciou que aproveitando a parada da construción con motivo das vacacións de Nadal, o Concello e a empresa adxudicataria, Covsa, tratarán que as zonas en obras se atopen o máis practicables posibles para que non interfiran nas comunicacións e nas compras de Nadal.
A campaña promove as compras de proximidade e inclúe accións relativas á propia historia e á memoria do barrio a través de roteiros e exposicións.
Entre outras medidas, elaborouse un censo de todos os negocios da zona que incluíu a compilación de datos e material gráfico de cada un deles para utilizalo en redes sociais e nunha mostra que recolla a historia da rúa. Instalarase a vindeira semana e poderá visitarse facendo un percorrido polos escaparates dos distintos establecementos.
Tamén se repartiron cartaces específicos para os locais comerciais e volantinas para toda a veciñanza e en decembro está previsto un roteiro para coñecer o barrio e a súa historia e, aproveitando o Nadal, os comercios agasallarán aos clientes cunha pulseira co lema #EusonLoureiro.
Relacionadas:
-
Un xogo de pistas para resolver un crime dos anos 20 dinamizará a rúa Loureiro Crespo este Nadal
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Primeira capa de rodadura en Loureiro Crespo para deixar a rúa practicable para o Nadal
Por Redacción |
-
O Nadal paraliza as obras de Loureiro Crespo e atrasa as do cruzamento de Daniel de la Sota e Benito Corbal
Por Alejandro Espiño |
-
"Eu son Loureiro" é a campaña para dinamizar o comercio de Loureiro Crespo durante a humanización da vía
Por Manu Otero |