Carmela Silva pide por carta a Susana López Abella que a Xunta inclúa os prostíbulos entre os locais pechados pola covid-19
Por Redacción
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, volve insistir na súa petición do peche dos prostíbulos e clubs de alterne no marco das medidas adoptadas polas autoridades para frear a expansión da covid-19 e remitiu unha carta á secretaria xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, para que inclúan estes establecementos na orde autonómica que regula as restricións fronte á pandemia.
Carmela Silva xa se manifestou sobre estes establecementos días atrás e agora formaliza esta petición de peche porque considera "intolerable" que nesa orde a Xunta tome decisións moi restritivas para sectores fundamentais da economía mentres os clubs de alterne e prostíbulos permanecen abertos.
A presidenta da Deputación insiste en que estes establecementos son "un foco de contaxio", como xa se demostrou nalgunha localidade da provincia de Pontevedra na que houbo constancia de casos, e pide á Xunta que actúe con "rotundidade" porque "non podemos esquecer que estas mulleres son escravas, vulnerables e debemos protexelas".
A carta apela á "sensibilidade" abolicionista de López Abella, a quen Carmela Silva xa felicitou no pasado pola súa posición "rotunda" a favor do abolicionismo e amosa a súa confianza en que a petición "non caia en saco roto".
"Esta posición abolicionista, que recoñecemos, ten que ir acompañada de actuacións. Esperemos que así sexa", insistiu a presidenta provincial, que se amosou disposta a colaborar nesta "xusta" demanda "por riba de cores políticas".
Ademais, pediu que se poñan en marcha axudas económicas para paliar a situación de vulnerabilidade das mulleres afectadas, e amosou o seu desexo de que este paso sexa "o inicio do peche permanente destes locais, verdadeira lacra para unha sociedade xusta e igualitaria".