Unha borrasca procedente de Lisboa traerá chuvias a partir do xoves e subirá as temperaturas nas Rías Baixas
Por Redacción
A influencia anticiclónica permanecerá en Galicia durante este mércores 4, con aire frío en capas altas. Os ceos alternarán entre nubes e claros. As temperaturas mínimas sufriron un moderado descenso, con xeadas en comarcas do interior mentres que as máximas continúan sen cambios significativos situándose entre os 5 e os 18 graos nas Rías Baixas, segundo a información facilitada polo servizo de MeteoGalicia. Os ventos soprarán do nordés, frouxos a primeiras horas, pasando a fortes durante a noite en todo o litoral.
A situación cambiará durante este xoves 5. Unha borrasca situada ao oeste de Lisboa afectará as Rías Baixas. Os ceos alternarán nubes e claros, coa posibilidade de chuvascos no sur de Galicia. As temperaturas experimentarán un ascenso entre lixeiro e moderado establecéndose entre os 9 e os 19 graos. O vento soprará forte do nordés a primeiras horas do día para ir amainando co avance da xornada para variar en dirección este.
Durante o venres, Galicia continuará baixo a influencia da borrasca situada ao oeste de Portugal que introduce aire frío nas capas altas da atmosfera e provocará inestabilidade. Espéranse nubes e claros con chuvascos. As temperaturas seguirán en ascenso con mínimas de 15 e máximas de 20 graos. Os ventos soprarán de leste e sueste, moderados no litoral norte e máis frouxos no resto da comunidade.
As baixas presións asentaranse durante o sábado situándose ao norte de Galicia. Os ceos continuarán parcialmente cubertos con choivas que, durante a mañá, afectarán o norte e a toda a zona oeste da comunidade. Durante a tarde, a probabilidade de precipitacións será alta en calquera punto de Galicia. As temperaturas non experimentarán grandes cambios. O vento soprará moderado de compoñente sur.
A partir da fin de semana e no inicio da segunda semana de novembro, Galicia seguirá baixo a influencia da borrasca que se move ao oeste de Portugal, que manterá a entrada de frontes chuviosas de sur ao norte da comunidade. Por tanto, a posibilidade de precipitacións será alta en xeral, con temperaturas que irán desde os 11 aos 17 graos.