Campo Lameiro reparte os primeiros 10.000 boletos da campaña para dinamizar o comercio local afectado pola pandemia
Por Redacción
O Concello de Campo Lameiro entregou nos últimos días días os primeiros 10.000 boletos para o sorteo de vales de compra en apoio ao comercio local posto en marcha dentro da campaña xenérica 'Campo Lameiro de todo e para tod@s' que busca dinamizar e apoiar os establecementos comerciais e empresas de servizos ubicadas no municipio e mitigar así os graves efectos e prexuízos que está a causar a pandemia da covid-19 na economía local.
O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa Domínguez, e membros do equipo de goberno fixeron entrega dos primeiros boletos aos propietarios dos distintos establecementos colaboradores.
O gañador dun vale de 125 euros será o posuidor do boleto cuxas catro últimas cifras coincidan co primeiro premio da Lotaría Nacional. O que teña un boleto coa últimas 4 cifras do segundo premio dese mesmo sorteo recibirá un cheque agasallo de 100 euros. Os premios deberán ser canxeados en calquera dos establecementos adheridos a esta iniciativa antes do 31 de decembro deste ano.
Co fin de premiar a fidelización do cliente aos establecementos e servizos providos por empresas locais, no mes de decembro haberá outro sorteo onde os gañadores coñecerán durante o sorteo da Lotaría de Nadal do 22 de decembro. Nesta ocasión, os boletos participantes poderán optar a cinco premios para os que se repartirán outros 10.000 boletos.
O que teña o boleto cuxos catro últimos números coincidan co Gordo de Nadal recibirá un cheque agasallo de 200 euros. Quen teña o boleto cuxos catro últimos números coincidan co segundo premio da Lotaría de Nadal levarase 175 euros; co terceiro, 150 euros, e co primeiro ou segundo dos cuartos terán cada un 125 euros para gastar nos establecementos que participan nesta iniciativa de dinamización do comercio local.
O prazo máximo para canxear os cheques agasallo será o 31 de decembro de 2020 e as persoas beneficiarias dos bonos poderán solicitar unha fragmentación da contía total en cheques de cantidades inferiores, sempre en cifras redondeadas e nunca inferiores a 25 euros.