Unha cooperativa construirá 33 novas vivendas de protección autonómica en Valdecorvos
Dúas novas parcelas do polígono residencial de Valdecorvos serán acondicionadas para construír 33 novas vivendas de protección autonómica. Serán executadas por unha cooperativa, Residencial Prado Novo, que pagou por estes terreos 1,3 millóns de euros.
As dúas parcelas, que contarán con 17 e 16 vivendas unifamiliares adosadas respectivamente, suman unha superficie de 4.546 metros cadrados. A previsión é que esta promoción inmobiliaria en Valdecorvos estea terminada a finais de 2022.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, sinalou que a adxudicación destas parcelas, propiedade de Xestur Galicia, permite que este barrio reciba un "novo pulo" para avanzar no seu desenvolvemento social.
Estas vivendas en réxime de venda, segundo Vázquez, serán de maneira "prioritaria" para familias novas que queiran asentarse nesta zona, que cualificou como un dos barrios "máis dinámicos" de Pontevedra.
Serán vivendas "modulares" que terán, engadiu a conselleira, un deseño " vangardista" e serán construídas "pensando na sostenibilidade e na pegada enerxética", o que supón un "paso adiante" na promoción deste tipo de vivendas de protección autonómica en Galicia.
"É un novo concepto de vivenda en innovación e tecnoloxía", destacou a dirixente autonómica, que pediu ao Concello de Pontevedra que as licenzas para construír estas novas vivendas sexan "prioritarias" e non se produzan "atrasos" na súa tramitación.
As casas adosadas terán baixo e unha altura con dúas prazas de garaxe e rocho. Estarán construídas en fila e terán un tamaño medio de 105 metros cadrados. O seu prezo estará nuns 175.000 euros máis IVE, explicou a xestora da cooperativa, Bárbara Fernández.
A responsable de Residencial Prado Novo explicou que parte da súa construción, sobre todo a envolvente das fachadas, "vén prefabricada para instalar in situ", o que permite "reducir moito" os prazos de execución e o custo de cada unha das vivendas.
Esta cooperativa, aclarou Fernández, "xa está completa" e ademais das 33 persoas que participan como socios na adquisición das vivendas hai outras dez en lista de espera.
En Valdecorvos, lembrou a titular de Vivenda no goberno autonómico, están habitadas xa 180 vivendas de protección autonómica, ás que se suman unha decena que se atopan actualmente en construción por parte doutra cooperativa.
A Xunta de Galicia, a través de Xestur e o Instituto Galego de Vivenda e Solo, dispón doutras tres parcelas, que suman outras 180 vivendas. Dúas destas parcelas, con capacidade para 104 vivendas, serán ofrecidas a posibles compradores en 2021, avanzou Ángeles Vázquez.
Ademais, o Concello de Pontevedra conta cunha cuarta parcela aínda sen desenvolver, cedida pola administración autonómica, que está pensada para albergar outras 54 vivendas.
A conselleira lembrou que, en materia de vivenda, a Xunta iniciou o proceso de adxudicación das tres vivendas protexidas e un local comercial que rehabilitou tras un investimento de 200.000 euros en Monte Porreiro, concretamente na rúa Alemaña.
Na cidade de Pontevedra, hai 930 demandantes de vivendas de protección autonómica "en todo tipo de réxime", sinalou Ángeles Vázquez, aínda que matizou que estes censos "se van actualizando" e, nalgúns casos, cando hai dispoñibilidade a xente termina rexeitándoas "porque xa buscou outras alternativas".
Relacionadas:
-
Ángeles Vázquez anuncia que este ano están proxectadas máis de 200 novas vivendas protexidas en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Valdecorvos crece coa construción de dezasete novas vivendas unifamiliares
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta entrega tres vivendas de promoción pública a tres familias en Monte Porreiro
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A partir deste sábado 14 estará dispoñible o novo aparcadoiro de Valdecorvos
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
A Xunta inicia o proceso para adxudicar tres vivendas de promoción pública en Monte Porreiro
Por Redacción |
-
Impulsan en Valdecorvos a primeira cooperativa de aluguer de vivendas en Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
A Xunta rehabilitará antes do outono un edificio de Monte Porreiro onde hai 11 anos se tentou realoxar unha familia do Vao
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |