Campo Lameiro lanza unha campaña para apoiar o comercio local ante a pandemia
Por Redacción
Contribuír a frear os efectos que a pandemia da covid-19 provocou no comercio local. É o obxectivo da campaña que puxo en marcha o Concello de Campo Lameiro.
Os establecementos colaboradores regalarán 20.000 boletos aos seus clientes e faranse dous sorteos de vales de compra, un en combinación co sorteo da Lotaría Nacional do 28 de novembro e outro o 22 de decembro, co Gordo de Nadal.
Para o primeiro, os posuidores da papeleta cuxas últimas catro cifras coincidan co primeiro premio levaranse un bono de 125 euros para gastar nos establecementos adheridos a esta campaña. O posuidor do boleto coas catro últimas cifras do segundo premio recibirá un cheque regalo de 100 euros.
No segundo dos sorteos programados, os participantes poderán optar a cinco premios.
O que teña o boleto cuxos catro últimos números coincidan co Gordo de Nadal recibirá un cheque regalo de 200 euros. Quen teña o boleto cuxos catro últimos números coincidan co segundo premio levará 175 euros; co terceiro, 150 euros, e co primeiro ou segundo dos cuartos terán cada un 125 euros para gastar nos establecementos do municipio.
O prazo máximo para gastar os cheques regalo será o 31 de decembro e as persoas beneficiarias dos bonos poderán solicitar unha fragmentación da contía total en cheques de cantidades inferiores, sempre en cifras redondeadas e nunca inferiores a 25 euros.
O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, explica que a intención da campaña "é axudar a que nestes momentos difíciles o comercio local sinta o noso apoio e proximidade" e contribuír a fidelizar á clientela local, "que xera riqueza e emprego no noso municipio".
Relacionadas:
-
Campo Lameiro escolle os fogares e o negocio mellor decorados do Nadal
Por Redacción |
-
Máscaras personalizadas para o alumnado do CEIP Pedro A. Cerviño de Campo Lameiro
Por Redacción |
-
Limpeza e desinfección a fondo nos centros educativos de Campo Lameiro para recibir aos primeiros alumnos
Por Redacción |
-
Campo Lameiro activa o seu escaparate comercial virtual a través da súa nova páxina web
Por Redacción |