O PP alerta da suba desorbitada do recibo de lixo en Cuntis
Por Redacción
O último pleno en Cuntis tivo como un dos principais temas de debate a revisión e modificación da ordenanza fiscal da taxa do servizo de recollida de lixo, que levaba a debate o Partido Popular.
A proposta foi rexeitada e os populares lamentan a falta de apoio por parte do PSOE e do grupo municipal de Veciñanza á súa iniciativa. Sinalan que é necesario revisar a clasificación que a ordenanza realiza dos locais, establecementos e industrias porque non se axusta á realidade do Concello de Cuntis.
Afirman que este documento provoca unhas tarifas moi desequilibradas con contías desproporcionadas a determinados colectivos ata o punto de que, denuncian, algúns veciños sufriron subidas de ata un 300% do recibo de recollida de lixo respecto a outros anos.
O alcalde Manuel Campos durante o pleno indicou que se revisarán as reclamacións que presentaron ao redor de trinta veciños. Asegura que a maior parte destas reclamacións débense aos problemas de aplicación por parte do ORAL.
Os populares sinalan que hai máis irregularidades que esa trintena entre os máis de dous mil recibos cobrados polo Concello e que é necesario revisar a ordenanza para que os tributos non superen o custo real do servizo. Entenden tamén que as actividades profesionais deben pagar en consonancia coa cantidade de residuos que xeran e non pola superficie que ocupan.