Solidariedade confinada en táperes polas restricións da pandemia
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
O pasado 14 de xuño o comedor social de San Francisco cumpriu 32 anos. Máis de tres décadas nas que, de forma ininterrompida, serviron comida ás persoas máis desfavorecidas de Pontevedra todos os días da semana excepto domingos e festivos. Nin sequera a pandemia da covid-19, con todas as restricións asociadas, parou este labor social, pero a alerta sanitaria si cambiou o perfil do usuario e a forma na que se reparte esta axuda desinteresada que, para moitos, é o único prato de comida quente que levan á boca en todo o día. O coronavirus mantén toda esa solidariedade confinada en táperes.
Cada día, ás doce e media do mediodía, abre a porta de acceso ao comedor, pola que ata o mes de marzo entraban unha media de 120 persoas diarias. Agora, con todo, a longa cola de usuarios que desde media hora antes se vai xerando no exterior non pode acceder, debe esperar pacientemente a quenda de recibir a súa comida, pero xa non a toman baixo o teito de San Francisco, senón que a levan en táperes.
O táper adoita levalo xa da casa cada usuario, aínda que para os esquecedizo sempre teñen algún dabondo no comedor. Nada máis chegar ao principio da cola, unha mesa bloquea a entrada e os voluntarios e sacerdotes que atenden o servizo recóllenlles o recipiente e devólvenllo cheo de comida quente. Este luns, tocaron lentellas e, durante toda a semana, o menú adoita ser saudable e variado.
A maiores, ademais, entréganse pan, leite, iogures, froita, unha sobremesa... os alimentos que o comedor vai tendo no almacén e que axudan a complementar a alimentación dos seus usuarios e garantirlles tamén alimentos para o resto da xornada. Esta comida a maiores xa se entregaba antes da pandemia e agora que o servizo non é presencial tentan reforzala.
"Prestamos o servizo con comida abundante e con moitas cousas que se dan cada día", explica o pai Gonzalo, responsable do comedor, que non oculta que o seu desexo sería poder volver ao funcionamento previo á pandemia. A pesar deses desexos, xa anuncia que tardarán en recuperar a vella normalidade: "nós quereriamos poder abrir o comedor, pero dadas as circunstancias actuais, é imposible".
Así, explica que seguirán co sistema de táperes de forma indefinida porque non teñen nin o espazo nin o persoal suficiente para reabrir garantindo a seguridade necesaria fronte aos contaxios de covid-19. É "imposible", explica, poder abrir porque "habería que facer seis ou sete quendas e estar aquí tres ou catro horas".
O comedor é pequeno, habería que respectar distancias de seguridade e cada día están a ter sobre 140 ou 150 usuarios fronte aos 120 de antes da pandemia, algúns días mesmo picos de 200, de modo que habería que repartilos en moitas quendas. Entre cada un dos grupos sería necesario desinfectar, de modo que estarían a servir comida durante horas.
Aínda se puidesen superar esas limitacións de espazo, seguirían tendo outras de persoal. Durante varias semanas do estado de alarma tiveron a inestimable axuda do cociñeiro Pepe Solla e o seu equipo, que cociñaban tres días á semana para encher eses táperes, pero desde entón contan coas mans xustas para o servizo que agora prestan e abrir ao público como antes da covid-19 esixirían máis traballadores, para servir e desinfectar.
Non só necesitan máis persoal polas tarefas sobrevinas coa pandemia, senón tamén porque o coronavirus reduciu a cantidade de voluntarios que axudan ao seu funcionamento. Adoitaban ter entre 13 e 15 voluntarios e agora moitos días contan cun só, aumentando a carga de traballo da cociñeira, a traballadora social ou os propios sacerdotes.
Esa redución da axuda débese a que moitos deses altruísta son de idade avanzada e, por tanto, grupo de alto risco ante a enfermidade, de modo que deixaron de acudir para non expoñerse aos contaxios.
Desde o inicio da pandemia están a ter un perfil de usuario diferente. Empezou a acudir xente que nunca ía, a maioría familias con varios membros que carecen de recursos suficientes para alimentarse, e tamén notaron que moitos usuarios habituais deixaron de ir.
"Agora hai moitas familias e outros deixaron de vir, é curiosa a situación", reflexiona o pai Gonzalo, que non se explica que ocorreu a esa xente que adoitaba acudir a diario. Carmen Canosa, a cociñeira, atribúe este cambio de hábitos a que a eses usuarios gustáballes entrar e ter un lugar para compartir con outras persoas e, ao non poder facelo, buscan outros recursos para alimentarse.
Carmen Canosa coincide co pai Gonzalo en que o servizo non pode recuperar a vella normalidade porque "é un risco moi grande" e, froito da súa experiencia diaria de atención aos usuarios, valora que moitos están contentos co novo sistema porque "levan a comida para casa e comen con toda a familia", aínda que hai outros que "o levan moi mal" porque "queren entrar para dentro e tomar un café sentados".
De momento, uns e outros deberán afacerse, pois, como lembra o pai Gonzalo, "isto depende do virus, non é cuestión nosa".
Relacionadas:
-
Cambio no comedor social de San Francisco: o pai Gonzalo pasa a remuda tras 15 anos á fronte
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Menú ‘delivery’ con firma de Pepe Vieira para unha "Noiteboa especial" no comedor de San Francisco
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A hostelería sucumbe ante as novas medidas. Pepe Solla: "Esto nos está dilapidando. Nosotros no somos el problema"
Por Almu Dapena |
-
Dous de cada tres usuarios dos albergues durante o estado de alarma levan máis de 3 anos vivindo na rúa
Por Redacción |
-
Pepe Solla pon fin a unha tempada "gratificante e moi triste á vez" no Comedor de San Francisco
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
San Francisco, o comedor máis solidario... mesmo en tempos do coronavirus
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |