Pontevedra reúne nunha guía todos os roteiros e espazos verdes da cidade
Por Manu Otero
Os xardíns da Praza de España contarán nos próximos días cun novo elemento ornamental. Un monólito de catro metros de altura que marcará o quilómetro cero de todos os roteiros turísticos, naturais e históricas de Pontevedra incluídas nunha guia editada polas concellerías de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural.
O documento, editado tamén en físico, poderá descargarse desde a páxina web do Concello ou ser capturado no móbil a través dun código QR que estará visible na escultura. A campaña foi presentada este xoves coincidindo coa conmemoración do Día Mundial do Turismo por Yoya Blanco e Iván Puentes, responsables das devanditas áreas de goberno, os que estiveron acompañados por Saleta González, genrente da firma Equilátero Desenvolvemento Sostible Consultores, que participou na elaboración da guia; e os naturalistas José Rodrigo Dapena e Miguel Ángel Fernández-Martínez, coautores do manual sobre as bolboretas da Xunqueira de Alba.
O obxectivo desta iniciativa é poñer en valor lugares como a Alameda, o Paseo das Palmeiras, o barrio da Moureira, a Xunqueira de Alba, a Illa das Esculturas, o río dos Gafos, o centro histórico, a Ría de Pontevedra, o río Lérez, os roteiros de Castelao, Sarmiento, Pintos e Bolechas, o Camiño Portugués, o Pazo de Lourizán, o Pontillón do Castro, a enseada de San Simón, Santa María de Xeve, Ponte Sampaio, os ríos Verdugo e Almofrei, as Mouras de Salcedo ou a Serra da Fracha.
"Moitos destes tesouros existentes na contorna da nosa cidade forman parte desta guía Pontevedra Verde", declarou a concelleira de Promoción Económica. Un complemento de luxo para esta guía que fai especial fincapé nos Espazos Naturais de Interese Local (Enil), catalogación que ten o río Gafos ou a Xunqueira de Alba; é a guia de bolboretas deste último enclave.
Despois dun intenso labor de mostreo levada a cabo durante a última década, o libro recolle información sobre as 43 especies diúrnas deste insecto rexistradas na Xunqueira de Alba. Os artífices deste exhaustivo traballo de investigación son os naturalistas José Rodrigo Dapena e Miguel Ángel Fernández-Martínez, en colaboración con Saleta González.
“Unha cifra salientable ao tratarse dunha contorna periurbana de marisma cunha superficie de 67 hectáreas, e que equivale a máis do 30% das especies rexistradas en Galicia e arredor dun 17% de todas as citadas na Península Ibérica, o que reflexa, sen lugar a dúbidas, a gran riqueza ambiental deste pequeno enclave do municipio pontevedrés”, destacou o concelleiro de Medio Natural.
Relacionadas:
-
A Fracha amplía o seu proxecto de recuperación forestal cun circuíto ciclista
Por María José Pita |
-
Inauguran o Km 0, o punto onde nacen os roteiros turísticos de Pontevedra
Por Redacción |
-
A primeira Vía Verde de Galicia xa é unha realidade no Salnés: "esta provincia volve ser referencia"
Por Redacción |
-
O paraíso natural das Rías Baixas sorprende en FITUR
Por Redacción |