A Boa Vila segue medrando en número de contaxiados mentras remite nos concellos veciños
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Sanidade informou ao Concello de Pontevedra que o número de casos covid no municipio alcanzou as 348 persoas. Isto é, este martes hai 10 persoas contaxiadas máis que onte.
Pola contra no concello de Marín a última actualización rebaixa en 2 o número de casos o que deixa o total en 48 persoas con coronavirus, cun seguimento de 75 contactos asociados que están sendo supervisados polas autoridades sanitarias.
Tamén descende a 51 o número de positivos por covid-19 en Poio, cinco menos co anterior reconto, e mantén seguimento activo a un total de 107 contactos estreitos das persoas que deron positivo.
En Sanxenxo son, a día de hoxe, 32 casos activos.
Os concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo e Vilaboa participaron este martes na reunión periódica coa Xerencia da Área Sanitaria de Pontevedra para analizar a situación da pandemia nesta contorna.
O subcomité da Consellería analizará pormenorizadamente os datos aportados, que serán o mércores avaliados polo Comité de Expertos. Por tanto, non será até mañá cando se decida se estas localidades manteñen as medidas restrictivas actualmente vixentes ou se se produce algún cambio en canto ás restricións.
Tal e como se avanzou hai uns días, haberá cribados PCR específicos para colectivos que teñen actividades especialmente estreitas, como é o caso da hostalería, a Policía Local, os taxistas, os empregados das empresas de atención a domicilio. A estes sectores, sumarase a Policía Nacional.
A Consellería de Sanidade aceptou engadir no cribado de probas PCR aos membros de Protección Civil, unha solicitude feita polo alcalde de Poio, Luciano Sobral que lembrou que son estes voluntarios os encargados de asumir tarefas como a recollida a domicilio do lixo a persoas en cuarentena ou axuda a persoas maiores.
Con respecto ao descenso de casos en Poio, o alcalde advirte de que "mal faríamos en baixar a garda agora" e animou á veciñanza a seguir cumprindo con todas as medidas decretadas polas diferentes administracións.
A alcaldesa de Marín, María Ramallo afirmou que é bo poder seguir ofrecendo estes datos, "que axudan á concienciación da cidadanía e a que articulemos mellor as medidas aplicadas".
Relacionadas:
-
A cifra de casos activos de coronavirus chega a 760 na área sanitaria tras unha xornada con 39 novos contaxios
Por Diego Espiño |
-
A Xunta recoñece que o brote de COVID en Pontevedra "non está baixo control"
Por Diego Espiño |
-
Vilagarcía entra no listado de concellos con restriccións especiais pola pandemia da Covid-19
Por Manu Otero |
-
Unha escalada que non cesa: medio centenar de novos positivos de COVID na área sanitaria e 737 casos activos
Por Diego Espiño |