Último día como vendedor da ONCE en Pontevedra e reparte 315.000 euros a través de nove cupóns
Por Mónica Patxot & Redacción
José Ramón Chaves Piñeiro vendía cupóns da ONCE ata este luns na cidade de Pontevedra. Este día 14 acabábaselle o seu contrato de dous anos realizando o seu traballo na capital da provincia e xusto nesa xornada reparte 315.000 euros entre os seus clientes.
Este vendedor vilagarcián logrou deixar un bo recordo entre a clientela que tiña nalgunhas rúas do centro da cidade como Michelena ou na praza de San Xosé e na entrada dun gran centro comercial. Repartiu 9 cupóns premiados con 35.000 euros cada un neste sorteo. “É case seguro que os vendín prácticamente todos no Carrefour, e algún creo que aínda o vendín o domingo”, afirma José Ramón Chaves.
Durante este martes non deixa de recibir chamadas no seu traxecto entre Vilagarcía e Pontevedra para achegarse ata a sede da ONCE en Augusto González Besada onde tiña que facer xestións. Está feliz, con moita enerxía e sorprendido por tantas mostras de alegría e felicitacións. "Si, repartín sorte", afirma cun sorriso.
Agora, a partir do xoves 24 de setembro, pasará a traballar como vendedor da Organización Nacional de Cegos en Vilagarcía, a súa cidade natal e onde reside coa súa familia.
Ten 50 anos e foi transplantado de ril. Unha operación que, aos 40, cambioulle a vida. Era camioneiro de profesión, está casado e con dous fillos. Segundo a ONCE, conseguiu emprender novos retos tras a enfermidade e o transplante como vendedor de cupóns.