VIDEO.- O alcalde lamenta a "falta de lealdade" da Xunta por non facilitar datos sanitarios
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, considera que non houbo lealdade por parte da Xunta de Galicia coa administración local á hora de informar da situación sanitaria da pandemia da Covid no municipio.
Por este motivo sorprendeu no Concello o anuncio de incluír a Pontevedra na zona de risco medio-alto. "Non recibimos ningún tipo de dato ata media hora antes da decisión", reprochou o alcalde, que recibiu a chamada do xerente da área sanitaria, José Ramón Gómez, pouco antes de que se fixesen públicas as novas restricións polo coronavirus en Pontevedra
O xerente da área sanitaria aseguroulle que na capital provincial existe transmisión comunitaria da covid-19, é dicir, entre familiares e amigos. E que o paso atrás que dá Pontevedra para tratar de conter o avance do virus produciuse tras confirmarse 40 novos casos en tres días.
"Pasouse de non haber brotes a haber transmisión comunitaria", lamentou Lores.
O alcalde de Pontevedra esixiu "transparencia" ao Sergas sobre os datos sanitarios locais xa que de dispoñer desta información "igual teriamos tomado decisións máis drásticas", indicou.
Lores admitiu que "hai preocupación" polo novo escenario sanitario e engadiu que considera unha "contradición" a posta en marcha de medidas restritivas e o regreso ás aulas dos nenos.
O alcalde compareceu este jueves en rolda de prensa para informar das medidas adoptadas na reunión do comité local da Covid-19.
O Concello decidiu pechar os centros sociais, recupera a recollida selectiva de lixo a aqueles domicilios con pacientes covid, Protección Civil e Policía Local axudarán ás persoas que vivan soas e necesiten que se lles leven alimentos ou medicinas a casa. Ademais, a Policía local vixiará o cumprimento de aforos e as medidas sanitarias como o uso da máscara. Seguirán abertos os parques infantís e reorganizaranse os eventos que tiña programado o Concello.